MOCIDADE

O Centro Xove da Almáciga acolle "Noites de Entroido", con Paula Carballeira

16/02/2017 O Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga celebra o inicio do Entroido en Compostela cunha actuación a cargo de Paula Carballeira, dentro do ciclo Boas noites, xurdido ao abeiro dos Orzamentos Participativos en Mocidade.

Este venres 17 de febreiro, a partir das 21:00 horas, os mozos e mozas de entre 16 e 35 anos poden participar neste espectáculo, que inclúe unha filloada ao remate. En total hai arredor de 100 prazas e a actividade é de balde. Haberá contacontos de medo que xerarán arrepío nas persoas participantes, de aí o nome da actividade: Noites de Entroido: Filloada de arrepío con Paula Carballeira. Está organizada por Xandobela.

Paula Carballeira
Nacida en Fene, é unha escritora, contacontos e actriz galega. Estudou Filoloxía Hispánica e escribe relatos infantís e xuvenís. Como autora de literatura infantil publicou as seguintes obras: A percura (1990); Robín e a boa xente (1995); Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima (1996); Olo-iepu-iepu (1999); Mateo (1999); Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico (Xerais 1999); Paco (2001); Correo urxente (2001); O ganso pardo (2002), A era de Lázaro (2004), Smara (2006) e Boas noites (Xerais 2007), Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2007. Ten publicado, ademais, o poemario Contatrás (2006).

Recibiu o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho no 1988, por A morte do mar. Tamén recibiu o I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, no 2006, por Boas noites. En 2011 gañou o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil por O refugallo.

Compartir: