PROMOCIÓN ECONÓMICA

Organizacións e entidades comprometidas co autoemprego colaboran por primeira vez nunha xornada sobre emprendedores

22/11/2006 O Concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou a Primeira Xornada do Emprendedor Compostelán, que se celebrará o 12 de decembro no Pazo de Congresos de Santiago. É a primeira vez que as organizacións e entidades comprometidas co fomento do autoemprego a través da creación de novas empresas colaboran no desenvolvemento dunha iniciativa deste tipo

Esta xornada ten como obxectivo fomentar a filosofía do emprendedor no colectivo estudantil, incidindo nos estudantes e titulados universitarios e nos estudantes de Formación Profesional. Preténdese así asentar e promover unha xornada que aglutine as diferentes posibilidades que os emprendedores teñen á súa disposición en Compostela.

O evento vai dirixido a persoas con interese en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos, e a aquelas que están dando os seus primeiros pasos como empresarios. Está concibida dun xeito didáctico e céntrase na explicación, por parte dos emprendedores, das experiencias que teñen no desenvolvemento dos seus proxectos empresariais. As charlas e conferencias serán dinámicas, coa participación do público asistente, que poderá achegar dúbidas aos poñentes.

A clausura correrá a cargo do produtor galego Xulio Fernández, presidente de Filmax, un dos artífices da nova etapa da industria audiovisual española. O acto estará aberto ao público, polo que poden asistir persoas que non participen no resto da xornada.

Os interesados en participar nas Primeiras Xornadas do Emprendedor Compostelán poden informarse e inscribirse nunha páxina habilitada na web maiscompostela.org. Os inscritos disporán dun servizo gratuíto de autobuses que os trasladará ata o Pazo de Congresos.

Na xornada, organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, colaboran o IGAPE, a USC, a Cámara de Comercio, Caixa Galicia, Caixanova e La Caixa. Estas organizacións contarán con casetas nos que os participantes poderán acceder a información dos seus servizos

Documentos relacionados



Compartir: