DEPORTE

Compostela acollerá dous partidos clasificatorios da Selección Española feminina e masculina de tenis de mesa

14/02/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, deu conta hoxe dos partidos de tenis de mesa que Santiago acollerá no marco da fase final de grupos do clasificatorio para o Campionato Europeo. Na rolda estivo acompañada polo presidente de Arteal-Santiago Tenis de Mesa e vicepresidente da Federación Española, José Albores, e pola xogadora profesional Raquel Bonilla, quen ademais está convocada coa Selección para a disputa dos encontros.

O Pavillón das Fontiñas acollerá o vindeiro 7 de marzo ás 19:30 horas os dous últimos partidos da fase de grupos, que determinará que equipos disputan o Campionato de Europa que se celebrará en Luxemburgo do 4 ao 9 de setembro. Os partidos enfrontarán ás seleccións masculina e feminina de Tenis de Mesa contra os combinados búlgaro e suízo, respectivamente.

Noa Morales destacou a importancia de que "a nosa cidade acolla dous encontros deste nivel, sobre todo nun deporte como o tenis de mesa, de tanta tradición en Compostela e cunha escola como Arteal, que ten entre as súas filas ás mellores e aos mellores". A concelleira agradeceu o compromiso de Arteal co tenis de mesa e convidou a todos e a todas a achegarse polo Polideportivo das Fontiñas para presenciar os encontros, "incluso se nunca vistes un partido de tenis de mesa porque seguro que vos engancha".

Pola súa parte, José Alborés agradeceu ao Concello a colaboración para a organización deste evento e resaltou tamén a calidade da competición, que permitirá a afeccionados de Santiago e Galicia "ver tenis de mesa de alto nivel". Neste mesmo sentido se pronunciou a xogadora Raquel Bonilla, unha das catro convocadas pola Selección, quen destacou, en especial, o nivel do combinado feminino suízo, co que se xogarán a clasificación.

Ademais do encontro, as selección feminina e masculina, así como os combinados búlgaro e suízo serán recibidos polo alcalde e resto de membros da Corporación o vindeiro 6 de marzo ás 19 horas.

Partido decisivo
O equipo masculino atópase no Grupo I, onde finalizou primeiro a falta da última xornada xunto a Bulgaria e Rusia. O feminino está no grupo E xunto a Suíza e Polonia e xogarase o segundo posto contra Suíza, á que venceron por 1 a 3 na ida.

O ITTF European Championships Qualification está dividido en dez grupos de tres equipos cada un. Os primeiros clasificados de cada grupo disputarán a Championship Division e os terceiros a Challenge. Os segundos mídense entre si para determinar quen xogará arriba ou abaixo, de aí a importancia deste encontro para o combinado feminino.

Compartir: