EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Os obradoiros "Aulas sen paredes" poñen en práctica un novo método para a aprendizaxe de linguas

14/02/2017 O concelleiro de Educación, Manuel Dios, presentou unha serie de obradoiros para o profesorado que se desenvolverán os días 17 e 18 de marzo en torno ao libro Aulas sen paredes. A súa autora, Rosalía Fernández, estivo tamén na rolda de prensa.

Estes obradoiros poñen en práctica unha nova metodoloxía didáctica para a aprendizaxe de linguas, mediante o uso da expresión dramática e teatral como ferramenta pedagóxica dentro das aulas. Están dirixidos ao profesorado de idiomas dos centros educativos de Primaria (5º e 6º), ESO, Bacharelato e das Escolas Oficiais de Idiomas.

Os obradoiros desenvolveranse en dúas sesións, de catro horas cada unha, e o conxunto do programa dividirase en catro fases principais. Así, para empezar, daranse unhas coordenadas teóricas xerais, para logo realizar unha sesión de pilotaxe e diagnóstico inicial do grupo co que se traballará. Na terceira fase configurarase o núcleo do programa con dinámicas e actividades na que se poñerá en práctica unha detallada progresión na aprendizaxe. Finalmente, haberá unha fase final de presentación de proxectos.

As sesión celebraranse o venres 17 de marzo, de 16:00 a 20:00, e o sábado 18, de 10:00 a 14:00 horas. Hai 25 prazas dispoñibles e os/as interesados/as deben enviar a ficha de solicitude ao Departamento de Educación e Cidadanía: dptoeducacion@santiagodecompostela.gal. Información tamén a través do teléfono 981 554 400 e do fax 981 571 511. A data límite de solicitude é o 6 de marzo.

Metodoloxía
Este método didáctico baséase no uso da expresión dramática e teatral como ferramenta pedagóxica para optimizar o proceso de ensino e a aprendizaxe de linguas dende un enfoque comunicativo. Co fin desenvolver esa competencia, traballaranse todos os recursos, verbais e non verbais, así como contidos fundamentados no cooperativismo e na promulgación dunha educación en valores.

Estas técnicas foron deseñadas no marco dunha tese de doutoramento elaborada na USC e posta en práctica cun grupo de 1º da ESO do IES Xelmírez I nas materias de lingua galega e castelá de xeito coordinado.

Os resultados da investigación teórico-práctica demostraron a eficacia do método e probaron que, a través desta metodoloxía, o alumnado foi capaz de desenvolver unha competencia comunicativa eficaz que favoreceu melloras notables na valoración e uso da lingua galega. Ao tempo, os rapaces e rapazas melloraron as capacidades en castelán e favoreceuse a aprendizaxe doutros idiomas. Polo tanto, son técnicas que benefician o plurilingüismo á vez que a normalización da lingua galega.

Ademais, mediante a expresión dramática e teatral, o alumnado desenvolveu unha competencia comunicativa total, útil para o ámbito académico e vital, traballando a oralidade e a expresión corporal ao tempo que adquiría contidos curriculares das e aprendizaxes transversais favorables á convivencia e á socialización.

Compartir: