PATRIMONIO

Santiago de Compostela súmase á campaña "Cando danas o patrimonio, dánasnos a todos"

13/02/2017 O Concello de Santiago ven de sumarse á campaña Cando danas o patrimonio, dánasnos a todos, impulsada polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade en colaboración coa Secretaría de Estado de Cultura. O obxectivo é fomentar a concienciación social como ferramenta para procurar o respecto cara todos os elementos comúns dos núcleos históricos das Cidades Patrimonio.

Nos últimos días estanse a distribuír por diferentes espazos da cidade uns carteis nos que se pode ler o lema da campaña, cunha imaxe que apela a esa concienciación social. O deseño é o gañador dun concurso celebrado o ano pasado, no que se pedían traballos inspirados na protección ambiental nas cidades e que transmitiran a súa fraxilidade ante actos incívicos. A gañadora foi a ubetense Rocío Rodríguez, que recibiu un premio de 1.500 euros. En total, repartíronse 40.000 carteis entre as 15 cidades do grupo. No caso de Santiago, poderanse ver en centros socioculturais e educativos.

Todas as cidades do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade enfróntanse a problemas comúns no coidado dos seus núcleos históricos, que en moitos casos teñen que ver coa proliferación de pintadas. Con esta campaña preténdese que a veciñanza se sinta máis orgullosa do seu patrimonio, e contribúa activamente ao seu coidado.

Compartir: