PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio reforzan a súa presenza no mercado alemán na feira de turismo Reisen Hamburg

09/02/2017 As Cidades Patrimonio da Humanidade continúan coas accións de promoción previstas no Plan Operativo 2017, desta vez cunha nova campaña internacional para a captación de viaxeiros na feira de turismo alemá Reisen Hamburg, na que España é este ano o país convidado. Esta invitación, que implica ademais unha potente promoción en medios de comunicación, redes sociais e na propia feira, chega nun momento clave para afianzar o liderado de España neste mercado xa que, segundo datos da OET, a demanda está a ser excepcional, chegando case a ser histórica.

A feira ten lugar do 8 ao 12 de febreiro en Hamburgo, unha das capitais financeiras de Alemaña. É a feira de turismo máis importante do norte de Alemaña e conta cunha participación media de 850 expositores e na última edición incrementou o número de visitantes nun 10%, chegando aos 77.000.

As Cidades Patrimonio dispoñen neste evento dun espazo propio dentro da caseta de Turespaña, cuxa coordinación corre a cargo da OET de Berlín, dende o que o Grupo presentará aos potenciais clientes do mercado alemán a oferta turística, patrimonial e cultural das 15 cidades.

O mercado alemán
Alemaña é un dos países europeos con maior propensión ao turismo, sendo a viaxe vacacional una das prioridades de consumo. Para o mercado alemán, España é o primeiro país destino no estranxeiro, cunha cota de mercado do 13,1% e a principal motivación das viaxes é o lecer.

Segundo datos de Turespaña, entre as actividades preferidas dos alemáns que vistan o noso país, atópase o goce de praias (77%), visitas a cidades (65%) e compras (64%). En 2016 visitaron España preto de 13 millóns de turistas alemáns, o que representa un 6,1% máis que no mesmo período do ano anterior e un 15% do total de turistas recibidos. Este incremento tamén se viu reflectido no gasto (+4,7%) e nas pernoitas hostaleiras (+6,6%) e é previsible que se manteña, xa que as reservas cara a España tamén creceron nun 8,9%.

Plan Operativo de Turismo
Tras un 2016 moi positivo para o sector turístico en España, o Plan Operativo do Grupo para este ano continuará coa liña de promoción, representación e comercialización das 15 cidades baixo o selo de calidade excepcional que outorga formar parte da lista de Patrimonio Mundial de UNESCO.

Ademais de diversas presentacións directas e exposicións, ao longo do ano está previsto participar nos principais eventos e feiras nacionais e internacionais do sector, tanto nos principais mercados emerxentes como nos máis consolidados; Fitur (Madrid), Salon des Vacances (Bruxelas), Reisen Hamburg (Hamburgo), Salon Mondial du Tourisme (Paris), WTM Latin America (Sao Paulo), ITB Berlín e WTM Londres, ITB Asia (Singapur), JATA Tokio e CITM China, entre outras. Ademais, o Grupo ten previstas nos vindeiros meses presentacións en varios mercados de orixe: Lima, Bos Aires, Roma, Bruxas, Londres e Moscova.

Compartir: