FESTAS

Compostela vivirá o Entroido do 25 de febreiro ao 1 de marzo

09/02/2017 A tenente de alcalde María Rozas presentou hoxe a programación coa que se vai celebrar o Entroido en Compostela, con actividades dende o 25 de febreiro ata o 1 de marzo. No calendario do Carnaval de Santiago haberá tres citas clave: o desfile do Meco e o pregón, o desfile do Martes de Entroido e a queima do Meco. Na rolda de prensa, María Rozas estivo acompañada por membros das dúas comparsas máis antigas da cidade, Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño, e por José Manuel Méndez, o creador do Meco.

María Rozas explicou que, coa programación deste ano, o Concello quixo lembrar o Entroido de hai cen anos. Foi entón cando se empezou a organizar un desfile de carnaval, porque as carrozas engalanadas empezaron a ser tantas que se facía difícil velas nas rúas da cidade histórica. Foi entón tamén cando empezou a tradición de que se congregaran na Alameda para que toda a veciñanza puidera velas, mentres a Banda Municipal de Música amenizaba o evento, e cando se empezou a falar de outorgar premios aos mellores participantes. A concelleira salientou que o Concello "volve apostar pola participación nesta festa, e por iso a rede de centros socioculturais terá un ano máis un papel protagonista durante o Entroido".

Meco
Como tamén é tradición, o personaxe central do Entroido de Santiago será o Meco deseñado por José Manuel Méndez. Este ano, o artista optou por retratar ao presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, segundo dixo, "por petición unánime". Méndez explicou que quixo retratar a Trump "subido á súa Trump Tower de Chicago, á que se lle puxo unha concertina para representar os muros que o presidente norteamericano quere poñerlle á libre circulación de persoas". A torre está coroada cun cartel no que se pode ler "Trump Off, Trump On", porque "o termo galego trampón é a mellor definición das cualidades deste personaxe".

Co desfile do Meco dende a praza de Cervantes ata a praza do Toural, o sábado 25, darán comezo as celebracións do Entroido de Compostela. A cita será ás 20:00 horas, e na comitiva participarán as comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño. O pregón dende o balcón do Pazo de Bendaña correrá a cargo este ano de As fillas bravas, da compañía Chévere, que ofrecerán despois un pequeno espectáculo na praza.

Xa o domingo 26, haberá animación de rúa dende as 10:30 horas, a cargo da comparsa Os Conformistas de Conxo, acompañados pola charanga Os Atrevidos. Ás 12:30 h, na praza do Toural, poderase ver o espectáculo de títeres As xeneralas da Ulla, de Títerese Cachirulo, e xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, celebrarase o festival infantil de disfraces na Sala Capitol. A festa estará animada por Ni Fú Ni Fá.

Desfile do Martes de Entroido
Unha das principais citas do carnaval de Santiago é o desfile do Martes de Entroido. A súa saída está prevista para as 17:30 horas, dende a estación do ferrocarril, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Alí, a partir das 21:00 horas, celebrarase a entrega de premios, que se manteñen nas contías do ano pasado. Así, haberá premios nas categorías de carrozas, comparsas, grupos, parella, disfrace individual, e premios especiais para a mellor comparsa procedente das parroquias e barrios do Concello de Santiago. En total repartiranse 16.000 euros en premios.

Ao rematar a entrega de premios, a festa continuará na Sala Capitol, coa actuación da orquestra Los Modernos.

Queima do Meco
A terceira gran cita do Entroido compostelán é a Queima do Meco, o mércores día 1. O desfile para acompañalo nesa última viaxe partirá ás 20:00 horas da praza do Toural e estará amenizado pola comparsa A Ruliña de Laraño. Na comitiva pode participar calquera que o desexe, vestido de rigoroso loito para a ocasión. Ás 21:00 horas terá lugar a Queima do Meco na praza Roxa, un acto que contará coa animación de Ni Fú Ni Fá, co acompañamento da Banda Municipal de Música.

Outras actividades
Os centros socioculturais da cidade tamén van celebrar o Entroido por todo o alto. Haberá obradoiros para a elaboración de disfraces e mecos, festas de disfraces, chocolatadas e talleres de gastronomía do Entroido.

O Goberno local tamén segue apostando pola recuperación e o impulso do Entroido tradicional dos Xenerais do Ulla, en colaboración con outros municipios da comarca. Por iso, o Concello está a ter unha participación activa nos catro atranques dos Xenerais da Ulla que son tradicionais en Compostela. O primeiro será en Marrozos, o sábado 18, e seguiralle o de Angrois, ao día seguinte. En Aríns poderanse ver os Xenerais o 25 de febreiro e, por último, haberá atranque no Eixo o 26 de febreiro.

Compartir: