MULLER

Santiago únese á celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

22/11/2006 O sábado 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Loita contra a Violencia Doméstica. Con este motivo, o Concello preparou unha serie de actos ao longo de tres días.

A concelleira da Muller, Adelaida Negreira, presentou o calendario de actos e indicou que se abrirá o xoves 23 cunha conferencia titulada "Por unha atención integral ás mulleres vítimas de violencia de xénero". Celebrase ás 20:30 horas na Fundación Eugenio Granell (Pazo de Bendaña) e contará coa participación de Joaquín Colubi Mier, maxistrado de Violencia do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 3 de Santiago de Compostela; Sonia Fernández Arruti. médica adxunta do Servizo de Urxencias do C.H.U.S; Juan Manuel Balebona Nieto, xefe do grupo de violencia intrafamiliar da Policía Autonómica; e Luisa González, avogada e presidenta da Agrupación de Avogadas de Santiago. Ao día seguinte, ás 11:00 horas, no Centro sociocultural e xuvenil do Ensanche, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregará os premios 25 de novembro, "Educando na convivencia en igualdade", no que participan alumnos e alumnas dos institutos da cidade.

Xa o sábado 25, do Pazo de Bendaña colgarán unhas bandeirolas, con frases representativas das situacións que poden provocar a violencia doméstica. A continuación, poderanse ler outras, con respostas a estas situacións. A Praza do Toural será escenario, ás 12:30 horas, dun acto de sensibilización e de homenaxe ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Haberá unha interpretación musical a cargo do grupo de cámara Minuetto e a xornalista Irene Lourido lerá un manifesto de apoio a estas mulleres vítimas. O alcalde clausurará o acto. Á vista da climatoloxía reinante en Compostela, todos os asistentes recibirán un paraugas verde, cor da esperanza, como agasallo.

Estes actos pretenden chamar a atención sobre unha lacra que xa provocou a morte de 60 mulleres en España no que vai de ano. Con todo, pouco a pouco comézanse a notar os efectos da aplicación da Lei contra a violencia de xénero. Segundo apuntou Gloria Novo, técnica da Concellaría da Muller, "estase a notar en canto ás denuncias e ás medidas de protección, e tamén respecto ao apoio económico ás mulleres para facilitar a súa independencia".

A repercusión pode observarse no número de persoas que chegan á Casa de Acollida, 32 no que vai de ano (15 mulleres e 17 menores), polas 51 do ano 2005. As medidas de protección inmediatas fan que ás veces as mulleres non teñan necesidade de acudir á Casa e poidan quedar no seu domicilio. O tempo medio de estancia é duns 40 días. "Pero queda moito por facer", indicou Gloria Novo a propósito da incidencia da nova Lei.

Documentos relacionados



Compartir: