EQUILIBRIO TERRITORIAL

Comezan as obras de mellora das rúas Picaños, A Estrada e Santas Mariñas

08/02/2017 Esta mañá comezaron as obras de mellora das rúas Picaños, Estrada e Santas Mariñas, unha actuación na que se van investir 300.000 euros. Os traballos afectaranlle tanto ao pavimento da calzada como ás beirarrúas, e teñen un prazo de execución de dous meses.

As rúas Picaños, A Estrada e Santas Mariñas forman un dos eixos viarios máis deteriorados de todo o municipio. Nos últimos anos nestas rúas só se fixeran traballos puntuais para a eliminación de fochancas, pero non unha reforma de calado como a que hoxe comeza.

As obras realizaranse en dúas fases. Na primeira, cunha duración estimada de vinte días, actuarase na rúa da Estrada, no tramo comprendido entre a travesa da Estrada e o cruce coa rúa de Manuel Vázquez Cacharrón. Durante estes traballos estará prohibida a circulación pola rúa, e só se permitirá o acceso a residentes, pero non se poderá aparcar no tramo afectado. As obras desta primeira fase tamén obrigaron a modificar os itinerarios do transporte urbano e do transporte escolar do CEIP Ramón Cabanillas e do IES Lamas de Abade, que xa contan con desvíos alternativos.

Na segunda fase das obras, verase afectado o tramo que vai desde o cruce de Vázquez de Cacharrón ata o cruce da rúa de Picaños coa rúa Cruceiro de Sar.

Obras de mantemento
Ademais, esta semana comezaron as obras de reparación de pavimentos no barrio de Fontiñas, dentro do gran contrato de mantemento. Nos próximos días comezarán tamén os traballos en Conxo, e se as condicións meteorolóxicas o permiten, nas parroquias de Cesar, Barciela, Marantes, Busto, Marrozos, Laraño e Bando. Nestas actuacións investiranse 300.000 euros, 200.000 no ámbito urbano e 100.000 no rural.

Compartir: