CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia celebra un novo concerto infantil e familiar

09/02/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos no Auditorio de Galicia. O primeiro será hoxe xoves, 9 de febreiro, ás 20:30 horas. O venres, ás 18:30 horas, parte do concerto repetirase para o público máis novo e para as familias, no marco do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!.

Este ciclo busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. Neste caso, as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado/a de dous adultos. Neste concerto, os músicos interpretarán a Sinfonía nº 8 do compositor checo Antonín Dvorák (1841-1904), unha sinfonía tenra inspirada na música tradicional bohemia.

A batuta levaraa o mestre valenciano Joan Enric Lluna, un músico polifacético que compaxina o seu labor de clarinetista coa dirección de orquestra e a ensinanza. Como solista interpretou gran parte do repertorio para clarinete e estreou varios concertos para este instrumento. E como director-solista ten actuado con diversas orquestras nacionais e internacionais. Foi cofundador da Orquestra de Cadaqués, da que tamén é primeiro clarinete. Ademais, é profesor na Escola Superior de Música de Catalunya e no Trinity College of Music de Londres; e é invitado con regularidade a impartir clases maxistrais.

O público asistente, en particular os/as máis pequenos/as, terán a oportunidade de achegarse aos músicos, ver de preto e tocar cada un dos instrumentos, os atrís coas partituras, a batuta do director… e gozar das amenas e próximas explicacións do mestre Joan Enric Lluna.

Despois do éxito que tiveron a temporada pasada, ao longo desta, a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá un total de cinco concertos dentro deste ciclo, dirixido á xente máis nova e aos que non teñen a oportunidade de asistir habitualmente aos concertos de abono, a un prezo asequible e nun horario más accesible.

Compartir: