EIXO ATLÁNTICO

A Asemblea Xeral do Eixo Atlántico centrarase nas infraestruturas

21/11/2006 A comisión executiva do Eixo Atlántico, reunida na cidade portuguesa de Guimaraes baixo a presidencia do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou a data e o lugar no que se celebrará a vindeira Asemblea Xeral. Será nos primeiros días de febreiro na localidade de Vilanova de Gaia.

Por primeira vez será unha asemblea monográfica sobre planeamento estratéxico centrada en dous temas fundamentais: a axenda estratéxica do Eixo Atlántico e a estratexia de intermodalidade. A denominada axenda estratéxica xorde da tradución do Estudo Estratéxico aprobado en marzo de 2005 en Ourense a sete ideas operativas, labor que están levando a cabo un grupo de expertos e que se bautizou co nome de "Sete ideas para sete anos".

No seo da Asemblea tamén terá lugar o debate sobre a estratexia de intermodalidade que se basea en catro temas fundamentais: o estudo do sistema aeroportuario da Eurorrexión; o estudo do sistema portuario; a actualización do mapa das infraestruturas; e o informe sobre a rede ferroviaria interior, o que implica o debate sobre un consorcio transfronteirizo de transportes.

Ademais de decidir os temas a tratar na próxima Asamblea Xeral, na reunión mantida en Guimaraes, a Comisión Executiva do Eixo Atlántico manifestou a súa satisfacción e felicitou ao goberno portugués pola posición tomada con respecto ao AVE do Eixo (tramo Porto-Vigo), que coincide co que fora proposto pola entidade transfronteiriza.

Outro dos puntos aprobados pola Comisión Executiva foi o de iniciar o procedemento para que o Eixo Atlántico se constitúa como Agrupación Europea de Cooperación Territorial, en base ao novo regulamento aprobado no pasado mes de xullo pola Comisión Europea.

Tamén se decidiron os galardoados coas medallas de Ouro da Institución, mención que se outorga en cada presidencia. As medallas, que se entregarán na Asemblea Xeral, recaen no presidente executivo de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e no fundador do Eixo Atlántico e ex alcalde de Porto, Fernando Gomes.

Compartir: