ALCALDÍA

O alcalde apoia a campaña de micromecenado de biopsia líquida

04/02/2017 O alcalde achegouse esta mañá á Praza de Abastos para visitar un dos puntos informativos instalados na cidade polos voluntarios da campaña de micromecenado de biopsia líquida, con motivo do Día Mundial do Cancro. Martiño Noriega quixo apoiar así ao doutor Rafael López, líder do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Oncomet. O alcalde estivo acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.

O grupo que lidera Rafael López vén de poñer en marcha unha campaña para recadar fondos destinados a avanzar na investigación dunha nova e revolucionaria técnica na loita contra o cancro: a biopsia líquida. O obxectivo é chegar aos 500.000 euros de aquí a finais de marzo para contratar o persoal necesario e adquirir o material preciso para continuar coas investigacións que comezaron hai xa máis de cinco anos. Polo de agora, levan recadados 70.000 euros.

A biopsia líquida é unha técnica innovadora que, mediante unha análise de sangue, permite extraer información de todo o material tumoral, evitando as cirurxías para a análise e tendo os resultados dispoñibles nun período de dous a tres días. Ademais, permite darlle aos doentes un tratamento máis personalizado.

Dende Oncomet fan un chamamento a toda a cidadanía para que aposte pola investigación. As doazóns pódense realizar a través da propia plataforma de micromecenado, www.oncomet.es, chamando ao 981 955 344, enviando SMS ou ben a través dun ingreso na conta corrente ES68 2080 0300 8730 4556 7736.

Compartir: