XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de ampliación do viario da Cañoteira de Marrozos

03/02/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto da primeira fase da ampliación do viario que comunica Cañoteira e Outeiro, na parroquia de Marrozos. As obras contan cun orzamento de 381.049,76 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de tres meses.

O proxecto pretende adaptar o viario ás novas necesidades de tráfico da zona, e posibilitar o paso dos autobuses do transporte público urbano. Para iso, daráselle un ancho uniforme de seis metros, mellorarase a calidade da capa de rodaxe, e modificarase a rasante en varios puntos da infraestrutura. A actuación será financiada con cargo ao PAS 2015 da Deputación da Coruña, e o Goberno local prevé acometer unha segunda fase da actuación, tamén con cargo a fondos provinciais.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe abrir o prazo para solicitar a renovación de uso das hortas municipais de Belvís. Trátase de 26 hortas, que no seu día foron concedidas por un período de dous anos prorrogables. Os usuarios que queiran renovar esta concesión poden facelo dende o 6 ao 17 de febreiro. Se algún dos espazos quedara libre, sacarase a concurso público.

Outro dos acordos da Xunta de Goberno de hoxe foi a aprobación da programación do Entroido, que se celebrará do 25 de febreiro ao 1 de marzo cun orzamento dalgo máis de 65.000 euros. Tamén recibiron luz verde as bases de participación no concurso do desfile do martes de Entroido, e as bases de participación no festival infantil de disfraces do domingo de Entroido.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: