CONVIVENCIA

As instalacións deportivas ao aire libre quedarán pechadas esta tarde por mor do temporal

03/02/2017 O Concello de Santiago vén de ordenar o peche, a partir das 17:00 horas, das instalacións deportivas ao aire libre ante o aviso de alerta laranxa a partir das 18:00 horas. Tampouco se poderá acceder aos parques da Alameda, Bonaval e Zeca Afonso. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que "estas son as zonas verdes da cidade con árbores máis vellas e con maior posibilidade de que se produzan caídas de pólas". A medida responde ao aviso de alerta laranxa en toda Galicia, por previsión de ventos con refachos superiores aos 90 quilómetros/hora.

O edil deu conta das incidencias rexistradas nas últimas horas en Santiago por mor do temporal, e agradeceu o traballo que veñen facendo as 30 persoas que integran o dispositivo especial activado o mércores e no que participan a Policía Local, os Bombeiros, Protección Civil, e as empresas concesionarias dos servizos de alumeado público e do mantemento dos parques e xardíns.

Caídas de árbores e polas
Durante a noite, foron moitos os avisos recibidos na Policía Local por árbores caídas e polas caídas. Os principais problemas rexistráronse na Alameda, onde o vento tirou as pólas de dous plataneiros de Porta Faxeira e arrancou de raíz unha acacia do Xapón, ao carón da estatua de Rosalía de Castro. Xan Duro lamentou especialmente esta incidencia, "por tratarse dunha árbore centenaria, que na súa caída lle afectou ademais a dous camelios, e que non poderá ser recuperada".

Ademais de na Alameda, os Bombeiros tiveron que retirar árbores caídas no Romaño, en Vidán, no Rueiro de Figueiriñas e en Laraño, neste caso sobre unha casa.

Cortes de luz e contedores desprazados
A borrasca que lle afectou esta noite a Santiago deixou moitas incidencias nas instalacións do alumeado público, que están sendo solucionadas. En concreto, contabillizáronse 18 incidencias con alumeados apagados en Salgueiriños, Muíño do Lermo, Belvís-Ameixaga, Conxo, Poza de Bar, rúa de Galeras, Fonte de Santo Antonio, Alameda, avenida de Salamanca, rúa de Carlos Maside, A Almáciga, Roxos, Combarro (Castiñeiriño), Roxos, Grixoa, e Marantes. Ademais, localizouse un cable roto en Vista Alegre, unha luminaria caída en Rosalía de Castro e un poste de formigón caído na rúa da Chaparra.

En canto aos contedores, rexistráronse incidencias na avenida de Lugo e no Cruceiro de Sar. Tamén foi preciso retirar un poste de madeira caído en San Marcos.

Por último, o vento rompeu varios cristais da marquesiña de Xoán XXIII, que está a ser revisada por completo para evitar incidentes.

Compartir: