EDUCACIÓN E MEDIO AMBIENTE

O Concello de Santiago renova un curso máis o seu compromiso coa educación ambiental

21/11/2006 Promover a información e a sensibilidade da poboación escolar sobre os problemas ambientais é o obxectivo do Programa de Educación Ambiental, que se pon en marcha por quinto curso consecutivo en Compostela. 27 centros escolares participantes e 2.000 alumnos falan do seguimento dun programa que medra cada ano.

"Programas como este demostran a sensibilidade do Concello de Santiago co medio ambiente", apuntou a concelleira de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano na presentación dunha iniciativa "que se consolidou es e vai adaptando ás necesidades". Así tamén o entende a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, quen indicou que "debemos facilitar o traballo do profesorado en educación ambiental".

Da presentación do programa encargouse Ramsés Pérez, responsable de Educación Ambiental da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), O imparte o programa. Trátase de máis de 60 actividades que este ano acollen como novidade unha maior atención ao problema do lume, en lembranza do acontecido nos montes galegos o pasado verán. Tamén destaca o programa específico sobre a auga e os ríos.

A iniciativa estrutúrase en torno a bloques temáticos, dos que terán coñecemento os centros escolares e sobre os que farán a súa elección. Tratarán temas coma os residuos, o consumo moderado, a biodiversidade, as cidades sustentables, o cambio climático ou os saberes autóctonos, entre outros. Cada bloque consta dunha charla e de saídas ou obradoiros.

Compartir: