TURISMO

As Cidades Patrimonio da Humanidade, no Salón des Vacances de Bruxelas

03/02/2017 As Cidades Patrimonio da Humanidade continúan coas accións de promoción previstas no seu Plan Operativo de Turismo 2017 cunha nova campaña internacional para a captación de viaxeiros: o Salon des Vacances de Bruxelas, a feira de turismo máis importante do Benelux.

O Salon des Vacances, que se celebra en Bruxelas do 2 ao 5 de febreiro, é unha das feiras de turismo máis importantes de Europa e, sen dúbida, a principal feira do sector turístico en Bélxica. Dirixida especialmente ao consumidor final e cunha participación de 698 expositores de máis de 55 países diferentes e case 100.000 visitantes en 2016, convértese en escaparate ideal para presentar os 15 destinos.

As Cidades Patrimonio dispoñen neste evento dun espazo propio dentro da caseta de Turespaña, dende o que se atende os potenciais clientes do mercado belga, un emisor de especial atractivo para os destinos patrimoniais, polo seu poder desestacionalizador e a súa fidelidade, e con interese en cultura, gastronomía e natureza.

O mercado belga
O 81% das vacacións dos viaxeiros belgas realízase no estranxeiro e, actualmente, España é o segundo país de destino, cunha cota de mercado do 13%, datos que se incrementan cando se trata de vacacións longas.

A principal motivación das viaxes é o lecer (86%) e adoitan viaxar sen paquete (74%), sendo os seus destinos preferidos Cataluña, Canarias e Andalucía. Segundo a estimación de Turespaña, un 56% inclúe as visitas a cidades entre as súas principais actividades.

Nos 10 primeiros meses de 2016 visitaron España 2,1 millóns de turistas belgas, un incremento do 2,5% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Ademais, unha enquisa realizada recentemente polo Instituto WES para a Oficina Española de Turismo en Bruxelas, na que se analiza o posicionamento de España como destino turístico, reflicte que o 39% dos belgas teñen intención de viaxar a España nos próximos dous anos.

Plan Operativo
Tras un 2016 moi positivo para o sector turístico no noso país, o Plan Operativo do Grupo para este ano continuará coa liña de promoción, representación e comercialización das nosas 15 Cidades baixo o selo de calidade excepcional que outorga formar parte da lista de Patrimonio Mundial da UNESCO.

Ademais de levar a cabo diversas presentacións directas e exposicións, ao longo do ano está previsto participar nos principais eventos e feiras nacionais e internacionais do sector, tanto nos principais mercados emerxentes como nos máis consolidados; Fitur (Madrid), Salon des Vacances (Bruxelas), Reisen Hamburg (Hamburgo), Salon Mondial du Tourisme (Paris), WTM Latin America (Sao Paulo), ITB Berlín e WTM Londres, ITB Asia (Singapur), JATA Tokio e CITM China, entre outras.

Compartir: