XUNTA DE GOBERNO

O Concello inicia a expropiación do dereito de uso da vivenda situada no recinto escolar do CEIP Lamas de Abade

03/02/2017 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o expediente de expropiación do dereito de uso da vivenda situada no recinto escolar do CEIP Lamas de Abade, na que a Consellería de Educación prevé acondicionar dúas aulas que palíen o déficit de espazo neste centro escolar. O proxecto de expropiación será sometido a información pública polo prazo dun mes, e seralle trasladado directamente tanto á persoa afectada como á Consellería de Educación, para que poidan presentar alegacións.

O alcalde explicou que o expediente de expropiación de uso foi a única saída despois de que a familia afectada rexeitara toda a mediación do Concello e da Valedora do Pobo "e non aceptara o uso dunha vivenda municipal en Fontiñas, que o Goberno lle ofreceu para liberar o espazo de Lamas de Abade". Martiño Noriega lembrou que a familia que ocupa as dependencias non ten ningunha vinculación co centro escolar, e explicou que na reunión que mantivo hai unhas semanas co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, urxiuse unha solución para poder utilizar ese espazo na segunda fase da ampliación do CEIP. "O custo da expropiación do dereito de uso será de pouco máis de 13.000 euros", engadiu.

Cos prazos que se manexan agora, o alcalde confía en que a Consellería de Educación poida acometer durante os meses de verán o acondicionamento de dúas aulas na vivenda.

A ocupación da antiga vivenda do conserxe do CEIP Lamas de Abade é unha das medidas contempladas na folla de ruta acordada polo Concello e a Consellería de Cultura e Educación para abordar o problema da falta de prazas no centro escolar. Despois da creación de dúas novas aulas neste espazo, o último paso comprometido pola Consellería é a ampliación do CEIP con seis aulas máis no curso 2018-2019.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: