MEDIO AMBIENTE

O Concello insiste ante Medio Ambiente na necesidade da construción da EDAR

01/02/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, mantivo esta mañá en Madrid unha reunión coa directora xeral da Auga do Ministerio de Agricultura, Liana Ardiles López. Foi unha xuntanza solicitada polo Concello co obxectivo de coñecer os prazos que manexa o Goberno central para a construción da nova estación depuradora de augas residuais, e para lembrar a urxencia desta infraestrutura.

No encontro, a directora xeral de Auga anunciou a intención do Ministerio de Agricultura de crear ao longo do mes de febreiro unha comisión de seguimento sobre esta infraestrutura, na que participen as diferentes administracións implicadas. Nese marco, Liana Ardiles mostrouse receptiva á petición do Concello de revisar o convenio acordado no seu día para a construción da EDAR, por se fora preciso introducir algunha modificación antes da súa sinatura.

Xan Duro tamén aproveitou a reunión desta mañá para lembrar a solicitude que ten feita o alcalde, Martiño Noriega, para manter unha reunión coa ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, na que se aborde a situación do proxecto da depuradora de augas residuais. Unha infraestrutura que o alcalde de Santiago ten sinalado reiteradamente como das mais necesarias para a cidade e toda a contorna da gran capital.

A construción da EDAR está comprometida dende o ano 2007, porque as actuais instalacións da Silvouta non teñen capacidade para depurar a totalidade das augas residuais que reciben. De feito, a Unión Europea ten aberto un expediente sancionador ao Estado Español polo incumprimento das súas directrices en materia de saneamento e depuración de augas, sendo o de Compostela un dos casos citados pola xustiza comunitaria.

Compartir: