EMIGRACIÓN

O maioría dos composteláns residentes en Uruguai consideran a súa situación económica como regular

21/11/2006 O 53% dos santiagueses e santiaguesas residentes en Uruguai considera que a súa situación económica é regular, segundo se desprende do estudo socio-económico realizado pola Fundación Españoles en el Mundo por encargo do Concello de Santiago. O informe, presentado pola concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, contén este e outros datos, que permitirán artellar políticas máis axeitadas para este colectivo, formado por 610 persoas.

Fronte a este 53%, un 31% cualifica a súa situación como boa, mentres que un 12% afirma pasar por unha situación mala e un 3% por unha boa. Por xeracións, os de primeira xeración son os máis descontentos, cun 57% en situación regular e un 17% en mala. A situación mellora nos composteláns de segunda xeración e vira nos de terceira xeración, onde a porcentaxe que declaran estar nunha situación boa chega ao 39%, polo 45% que din estar "regular".

Cómpre lembrar que, por distribución xeracional, o 26% dos residentes corresponden á primeira xeración (nados en Santiago), o 41% á segunda e o 33% á terceira. O últimos santiagueses que emigraron a Uruguai fixérono en 1956. A maioría reside na capital, Montevideo.

Para Teresa Regúlez, estes datos reflicten a evolución xeracional en varios sentidos. "Vemos como as primeiras xeracións chegaron sen estudios, pero os seus fillos e netos si os teñen", apuntou. O mesmo sucede coa situación económica, que mellora nas xeracións máis novas.

Entre os problemas máis importantes que afectan aos composteláns residentes en Uruguai está a sanidade. A falta dun sistema público eficiente e a imposibilidade de acceder a un privado fan que a atención sanitaria non sexa a mellor en moitos casos. Por contra, existen menos problemas na educación, cun ensino gratuíto ata os 16 anos e cun sistema universitario que permite compatibilizar os estudos co traballo.

A maioría dos santiagueses residentes en Uruguai teñen cando menos formación secundaria (un 42%), mentres que un 28% teñen estudios universitarios. Unicamente un 1% carecen de estudos. Tamén neste ámbito se observa a evolución xeracional. Así, mentres na primeira xeración a maioría unicamente ten estudos primarios (68%), na segunda existen un 44% de universitarios e outro 45% con formación secundaria. Na terceira xeración o número de composteláns con educación secundaria é o 56% e o de universitarios un 32%. Hai que ter en conta que nesta terceira xeración moitos son aínda menores de idade.

Teresa Regúlez amosou tamén a súa preocupación polos máis maiores, xa que o 20% dos residentes teñen entre 81 e 90 anos. Neste sentido, o Concello xa ten asinado un convenio co Fogar Español de Montevideo para que esta entidade acolla a estes anciáns.

A concelleira quixo resaltar o alto grao de participación dos cidadáns de Compostela e o seu agradecemento. Non obstante, recordou a reserva ou desconfianza que moitos deles teñen para responder a unha enquisa deste tipo, debido ás situacións complicadas que algúns deles viven. Malia iso, unicamente sete persoas se negaron a achegar ningún dato. Respecto ao futuro, indicou o interese municipal en coñecer de que parroquias proceden todos estes veciños de Compostela.

Consello de Migracións

Teresa Regúlez aproveitou a súa comparecencia para manifestar a súa intención de que o Consello Municipal de Migracións poida constituírse na segunda quincena de xaneiro. A razón pola que aínda non se fixo, segundo indicou, é que algunhas das entidades participantes aínda non nomeou aos seus representantes.

Compartir: