EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Reunida a Comisión Tripartita para analizar a prestación do servizo de comedor escolar

01/02/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, reuniu esta mañá ás Anpas e á empresa encargada do servizo de comedor escolar no Concello de Santiago, Serunion, para avaliar a prestación do servizo e recoller suxestións e melloras para conseguir unha maior calidade. Na xuntanza de hoxe comprobouse que se está cumprindo escrupulosamente o prego.

A Comisión Tripartita é un dos compromisos que se incorporaron no prego de comedores escolares para este curso 2016/2017 e que ten como obxectivo facer seguimento do servizo de comedor nos centros públicos que xestiona o Concello de Santiago. Segundo o prego, a comisión manterá unha reunión ao finalizar cada trimestre, e nela participarán membros de Serunion, do Concello e das ANPAS da cidade. Ademais da creación desta comisión, o prego de comedores deste ano inclúe outros compromisos como a substitución da vaixela de plástico por vidro temperado ou a presenza dunha nutricionista para a elaboración dos menús.

Suxestións
A representante da empresa informou de que durante este primeiro trimestre celebráronse xornadas de portas abertas en todos os centros e que se iniciaron unha serie de charlas nutricionais. Tamén, ao inicio do curso, realizouse unha reunión de presentación con todos os equipos directivos. Pola súa banda, o concelleiro lembrou que cada venres se celebra unha mesa de seguimento para avaliar o transcurso da semana e na que participa persoal de Serunion e do departamento de Educación.

As Anpas da cidade trasladaron as súas suxestións de mellora, dirixidas fundamentalmente a conseguir máis información en relación ao proxecto educativo e as actividades levadas a cabo, comprometéndose o Concello a trasladar todos os detalles e obxectivos do mesmo, información que acompañará ao listado de actividades que se entrega actualmente.

Outra das inquedanzas manifestada pola representación das Anpas estaba relacionada cos protocolos de seguridade empregados e coa posibilidade da súa revisión. Dende o Concello aceptouse a revisión de todos os protocolos, que ademais serán postos en común coas propias asociacións. Coincidiron co concelleiro de Educación na necesidade de mellorar as instalacións nos comedores dalgúns centros e suxeriron unha maior rotación nos menús e un maior detalle da súa composición. Manuel Dios comprometeuse a levar á práctica estas suxestións a partir do mes de febreiro e lembrou que, co obxectivo de mellorar as instalacións, o concello incrementou a partida en mantemento ata os 460.000 euros –a maior dos últimos anos- e incorporou unha de 100.000 para desenvolver a primeira fase dun Plan director no que se priorizarán precisamente os comedores escolares.

A vindeira reunión desta Comisión Tripartita terá lugar unha vez finalizado o segundo trimestre. Pola súa banda, Concello e empresa continuarán a reunirse cada venres na mesa de seguimento para analizar o servizo semanalmente.

Compartir: