SAÚDE

O Consello Municipal de Saúde solicita a comparecencia do xerente da área sanitaria

01/02/2017 O Consello Municipal de Saúde mantivo onte pola tarde unha xuntanza extraordinaria para dar cumprimento a un acordo plenario no que se amosaba a preocupación da Corporación pola saturación na área sanitaria de Compostela.

Na reunión mantida onte acordouse solicitar a comparecencia do xerente da área integrada para que dea conta da situación de colapso e saturación que se está a vivir no servizo de urxencias do CHUS. Esta petición súmase a outras que ten feito o propio Consello e a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, en ocasións previas.

Outros acordos
En xuntanzas previas do Consello tamén se lle pediu á Xerencia do CHUS a creación dun equipo específico para atender ás persoas sen teito, sumándose tamén a un acordo plenario e ás diferentes manifestacións, tanto de forma verbal como escrita, que dirixiu Concha Fernández á Xunta de Galicia e ao propio CHUS. O obxectivo pasa por "acadar unha coordinación entre as administracións autonómica e local para ofrecer asistencia a ese colectivo, como ocorre en Bilbao, Barcelona, Madrid ou outras cidades".

Reactivado en 2016
O Consello Municipal da Saúde é un órgano colexiado de participación comunitaria para a consulta e seguimento da xestión sanitaria no ámbito municipal. Segundo o actual regulamento, o órgano está presidido polo alcalde, e del forman parte o concelleiro que teña delegadas as competencias de Sanidade, representantes dos grupos da Corporación municipal, da Administración sanitaria, da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Santiago, dos colexios profesionais, das asociacións de usuarios e de colectivos veciñais. O regulamento sinala que o Consello debe reunirse de xeito ordinario unha vez por semestre, se ben iso non se cumpriu dende o ano 2006.

O Consello Municipal de Saúde conta con representantes dos catro grupos da Corporación municipal. Do órgano tamén forman parte representantes da Administración da Área Sanitaria de Santiago e da Xunta de Persoal, dos colexios profesionais de médicos e psicólogos, das asociacións de usuarios, e do Consello de Relacións Veciñais. A esta terceira xuntanza non acudiron nin os membros dos colexios profesionais nin a representación da Xestión Integrada do CHUS.

Compartir: