EQUILIBRIO TERRITORIAL

A próxima semana comezarán as obras de mellora das rúas Picaños, A Estrada e Santas Mariñas

01/02/2017 O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial, Rafael Peña, anunciou hoxe o inicio, a próxima semana, das obras de mellora das rúas Picaños, A Estrada e Santas Mariñas. O proxecto, que lle afectará tanto ao pavimento da calzada como ás beirarrúas, conta cun presuposto de 300.000 euros e un prazo de execución de dous meses.

O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial explicou que, nos últimos días, se celebraron xuntanzas coa Policía Local, coa empresa encargada dos traballos e mesmo coa dirección do CEIP Ramón Cabanillas "para intentar que as obras causen as menores molestias posibles, tendo en conta que falamos dunha das zonas con máis volume de tráfico de Compostela". Rafael Peña explicou que as rúas "serán pechadas por tramos, facilitarase o acceso aos residentes e haberá desvíos alternativos sinalizados para o transporte público e o transporte escolar".

Rafael Peña explicou que as rúas Picaños, A Estrada e Santas Mariñas "precisan dunha actuación de calado, porque están moi deterioradas e nos últimos anos só foron sendo sometidas a sucesivos traballos puntuais para a eliminación de fochancas". Ademais de reparar o pavimento, "actuarase nos pasos de peóns para facelos máis accesibles, e traballarase na mellora das beirarrúas".

Obras de mantemento
O concelleiro de Medio Rural e EquilibrioTerritorial tamén deu conta do inicio de novas obras de reparación de pavimentos, con cargo ao gran contrato de pavimento. Rafael Peña explicou que nos próximos días, cando as condicións meteorolóxicas o permitan, comezarán os traballos nos barrios de Fontiñas e de Conxo, así como nas parroquias de Cesar, Barciela, Marantes, Busto, Marrozos, Laraño e Bando.

Segundo apuntou o edil, nestas actuacións investiranse 300.000 euros, 200.000 no ámbito urbano e 100.000 no rural. Ademais, lembrou que nos últimos días estívose traballando en numerosos puntos concretos da rede viaria "con actuacións pequenas pero relevantes para garantir o bo estado das rúas".

Compartir: