MEDIO AMBIENTE

O CIAC organiza en febreiro un obradoiro de compostaxe e un roteiro por Belvís

01/02/2017 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), situado en Belvís, organiza neste mes de febreiro dúas actividades: un obradoiro de compostaxe doméstica e un roteiro polo parque de Belvís. A inscrición nestas actividades, ambas de balde, pode realizarse a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.

O obradoiro de compostaxe está dirixido a aquelas persoas ás que lle apeteza coñecer unha alternativa ecolóxica para o tratamento dos residuos orgánicos da casa, os restos das podas, horta e xardíns, que posibilita a súa reciclaxe, transformando estes residuos nun abono de excelentes calidades. É unha actividade para todos os públicos que se celebrará o sábado 18 de febreiro, ás 12:00 horas, no CIAC.

O seguinte sábado, 25 de febreiro, ás 12:00 horas, realizarase un roteiro polo parque de Belvís, para coñecer todas as funcións coas que este espazo verde nos agasalla. Os nosos parques son moito máis que espazos verdes. Neles desenvólvense moitas actividades que enriquecen non só a biodiversidade da nosa cidade, senón a oferta de actividades, o noso ocio, a nosa forma de relacionarnos.

Compartir: