DEPORTE

Máis de 200 judokas participarán durante esta fin de semana no IX Trofeo Cidade de Santiago

31/01/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá o IX Trofeo Cidade de Santiago de Judo, que reunirá a máis de 200 judokas esta fin de semana en Compostela. Na rolda estivo acompañada do presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, e do presidente do Compostela Judo Club, Javier Rial.

A concelleira amosouse "moi satisfeita de poder colaborar na organización dun evento coma este que trae a nosa cidade a máis de 200 nenos e nenas de todo o Estado e tamén de Portugal". Morales engadiu que "se trata dun deporte moi completo, no que os máis cativos e cativas aprenden dende a diversión e o respecto". Ademais das persoas participantes, desprazaranse á capital galega técnicos, árbitros e delegados.

A competición terá lugar este sábado de 10:00 a 17:00 horas no Pavillón do Restollal, tanto na categoría masculina como na feminina. Os pesos dos participantes van dende os 38 ata os 66 kg para nenos e dende os 36 ata os 63 kg para nenas. De momento hai 129 inscritos na categoría masculina e 72 na feminina.

Ao igual que ao ano pasado, este trofeo comprende un amplo programa de actividades durante a fin de semana que inclúe un campo de adestramento nacional, un curso de actualización de arbitraxe e o domingo pola tarde, a partir das 16:00 horas, o Campionato de Galicia Junior.

Copa de España
A III Copa de España Infantil de Galicia encádrase dentro do sistema de competicións nacionais, anuais e puntuables, establecido pola Real Federación Española de Judo como sistema de clasificación para o Campionato de España e valedoiro para o Ranking nacional.

Dada a importancia desta nova competición, a Federación Galega decidiu propoñer ao Concello de Santiago a organización desta Copa con dous claros obxectivos. Por una banda, que o Concello de Santiago fora o primeiro en organizar unha Copa de España en Galicia para dar prestixio e imaxe á cidade e consolidar, difundir e promocionar este deporte olímpico. Por outra banda, permitirá aos nosos judokas máis novos competir con deportistas de nivel nacional e internacional en Galicia e co apoio do seu público, posibilidade moi interesante e pouco frecuente no calendario nacional.

Regulamento
Segundo a normativa do propio torneo, os combates durarán 3 minutos en cada unha das categorías e haberá eliminatoria directa con repesca dobre cruzada seguindo o sistema Golden Score. Así, gañará o primeiro que marque unha acción técnica ou cando o rival reciba súas sancións (shido). Este sistema aplicarase unicamente nas eliminatorias de repesca e ata o bronce.

As eliminatorias comezarán ás 10:00 horas, os combates polo bronce ás 14:30 e as finais ás 15:30, tendo lugar a entrega de trofeos a partir das 17:00 horas.

A idea da Federación Galega é consolidar pouco a pouco este evento ata conseguir en poucos anos da Federación Española de Judo a cualificación de Súper Copa de España, puntuación que se consigue aumentando a participación nacional e internacional.

Pola súa banda, o Campionato de Galicia Júnior é válido para a fase do sector do Campionato de España Sub-21 e nel participarán os mellores competidores e competidoras de toda Galicia da categoría júnior, masculina e feminina, categoría na que Galicia conta con varios campións de España e medallistas internacionais, polo que a calidade está garantida.

Compartir: