UMAD

A UMAD ten nova páxina web

21/11/2006 A Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) ten nova páxina web. Na mesma amósanse todas as claves desta entidade, que presta información e formación sobre o consumo de drogas e as súas consecuencias, que ofrece tratamento para persoas con dependencia e que conciencia sobre o perigo das drogas.

Este novo portal, www.santiagodecompostela.gal/umad, está chamado a dar a coñecer os servizos que ofrece esta entidade. Segundo indicou a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, na súa presentación, "a xente nova está acostumada a utilizar internet e este é un bo medio para chegar a ela". Nisto mesmo insistiu a directora da UMAD, Pilar Bermejo, quen indicou que "o obxectivo da páxina é chegar a máis xente de modo máis rápido".

Entre as seccións da nova páxina web destaca a da formación, na que se indican as distintas actividades desenvolvidas en colaboración coa Universidade de Santiago e outras entidades para a formación de alumnos de facultades, escolas e centros educativos, alumnos de posgrao e licenciados.

Outro apartado destacado é o Asistencial, onde se recolle a situación, servizos e programa das unidades asistenciais, das unidades de día e das comunidades terapéuticas. Non hai que esquecer que a UMAD presta asistencia sanitaria e psicolóxica a aquelas persoas que padezan unha adición a calquera tipo de droga, ofrecéndolle recursos diferenciados segundo a súa situación.

A UMAD tamén centra os seus esforzos na integración social, con programas de incorporación personalizados. Finalmente, a páxina web dedica un amplo apartado á prevención, onde se recollen todos os programas escolares, familiares, xuvenís e laborais en funcionamento.

Compartir: