XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local adxudica a instalación do novo parque infantil de Galeras

27/01/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a adxudicación do contrato de subministro e instalación de novos elementos de xogo, para o parque infantil de Galeras. Dos traballos encargarase a empresa Lappset España VR SL, e a actuación ten un orzamento de 74.141,54 euros, IVE incluído.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que a renovación deste parque infantil era unha vella demanda veciñal. De feito, antes do verán retiráranse algúns elementos de xogo que se atopaban moi deteriorados e que supoñían problemas de seguridade. Agora, a área de xogos será totalmente renovada.

Novas obras no rural
A Xunta de Goberno tamén iniciou o procedemento de adxudicación de novas obras de mellora de pavimentos no rural de Santiago, vinculadas a fondos da Deputación. Así, abriuse o procedemento de adxudicación das obras de mellora dos viarios de Busto e Marantes, cun tipo de licitación de 148.968,49 euros, máis IVE de 31.283,38 euros. Esta actuación foi incluída no POS-2016 da Deputación da Coruña.

Ademais, aprobouse a apertura da licitación das obras de mellora e pavimentación dos viarios das parroquias de Villestro, O Eixo e Aríns, incluídas no PAS-2015 da Deputación. Neste caso, o tipo de licitación é de 134.180,44 euros, máis IVE de 28.177,89 euros.

Aínda en materia de obras, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto de reforma do pavillón municipal Apóstolo Santiago, cun importe de 287.980 euros, IVE incluído. O contrato terá un prazo máximo de execución de catro meses.

Outros acordos
Na reunión desta mañá, o Executivo local tamén acordou resolver o contrato de prestación do servizo de vixilancia e seguridade das instalacións da UMAD, despois de que se constatara que a empresa se atopa en situación de concurso. Tamén se inicia o procedemento da declaración de prohibición de contratar con Segur Ibérica. O alcalde explicou que o Concello iniciará un novo procedemento de adxudicación, e para que o servizo non quede sen cubrir, fará unha adxudicación directa previa.

Por último, na Xunta de Goberno acordouse a cesión de uso en precario dun baixo de Fontiñas en favor de Cáritas Diocesana, para actividades do programa Abeiro.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: