CONVIVENCIA

O Concello ten repartido sal nunha ducia de puntos da cidade por mor das xeadas

24/01/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou hoxe que o Concello ten activado o protocolo de actuación fronte ás xeadas, ante as baixas temperaturas dos últimos días. Xan Duro explicou que nel colaboran a Policía Local, Protección Civil, e Urbaser.

En virtude dese protocolo, os voluntarios de Protección Civil e os traballadores de Urbaser levan varios días repartindo sal por toda a cidade e, segundo apuntou o concelleiro, "respondendo con celeridade aos avisos de placas de xeo que se están recibindo. Onte mesmo, nunha das xornadas con temperaturas máis baixas, repartiuse sal en toda a rúa de San Lázaro, en varios puntos do Polígono do Tambre, en San Marcos, no Burgo das Nacións, na praza da Inmaculada e na rúa de Rosalía de Castro, na confluencia con Ángel Jorge Echeverri. Tamén foi preciso actuar no contorno do colexio Monte dos Postes, nas entradas do colexio Pío XII, e en Xoán XXIII, tanto na saída da dársena de autobuses como no paso de peóns do colexio López Ferreiro. Nos últimos días tamén houbera reparto de sal na rúa de Feliciano Barrera, na ponte de madeira de San Lázaro, na pasarela do parque do Restollal e na que comunica a avenida de Lugo con Sar.

Compartir: