INNOVACIÓN

Arranca a "Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable" posta en marcha por catro concellos e Red.es

19/01/2017 O Concello de Santiago, xunto cos de Madrid, A Coruña e Zaragoza e a entidade pública Red.es, do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital celebraron en Zaragoza a primeira comisión de seguimento que pon en marcha a iniciativa Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable.

Este proxecto é un dos catorce beneficiarios da II Convocatoria de Cidades Intelixentes, da Axenda Dixital para España, e contempla un investimento de 2.090.461,80 euros, dos que achegará un 60% o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, e un 40% os catro concellos que impulsan a iniciativa. Este conxunto de actuacións cofinanciaranse a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Este primeiro encontro é froito do convenio que recentemente subscribiron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o coordinador xeral de Alcaldía do Concello de Madrid, Luis Cueto; a segunda tenente de alcalde do Concello de Zaragoza, Elena Giner; a concelleira de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña, Claudia Delso e o director xeral de Red.es, José Manuel Leceta.

Obxectivos
A Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable ten como principal obxectivo o desenvolvemento pleno das políticas de goberno aberto nas cidades participantes. Para iso, apóstase por un impulso decidido e soportado por avances tecnolóxicos dos datos abertos, a participación cidadá e a transparencia por defecto.

Traballa en tres grandes liñas de actuación. A primeira está relacionada cos datos abertos e prevé a creación e despregamento de infraestrutura tecnolóxica, coa adaptación de bases de datos, procesos de carga e indexación e APIs. Tamén traballará no establecemento dun conxunto de datos e vocabularios consensuados (identificación e priorización colaborativa de conxuntos de datos, xeración de historias de usuarios, desenvolvemento colaborativo de vocabularios, xeración de documentación e exemplos de uso, difusión e capacitación para a replicación).

A área de participación potencia as propostas cidadás. As actuacións previstas inclúen: deseño de procesos de participación, xeración e implantación de software de xestión de propostas, software de votación, sistema de xestión de votacións, difusión e capacitación, avaliación de proceso…

O último bloque oriéntase á transparencia. Para iso crearanse portais de transparencia enlazados con datos abertos (selección e enriquecemento de indicadores de transparencia, procesos participativos para a definición de indicadores, portal de transparencia baseado en datos abertos e cadros de mando).

Convocatorias de Cidades intelixentes
Un total de catorce proxectos benefícianse da II Convocatoria de Cidades Intelixentes, do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, segundo a proposta de resolución, que ademais contemplou ampliar o investimento inicialmente previsto de 48 millóns de euros a un total de 63, co obxectivo de chegar a máis municipios. Na súa maioría achégaos o Ministerio, a través de Red.es, coa cofinanciación do Fondo europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). As entidades locais, pola súa banda, fanse cargo de entre un 30 e un 40% de cada iniciativa.

Da I Convocatoria de Cidades Intelixentes están a beneficiarse, pola súa banda, un total de 11 proxectos vinculados a 25 cidades de máis de 20.000 habitantes, situadas en Andalucía, Castela-A Mancha e Estremadura. As iniciativas seleccionadas, actualmente en execución, supoñen un investimento de 13,8 millóns de euros.

Cofinanciación con fondos FEDER
Esta convocatoria de axudas cofinánciase a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), con cargo ao Programa Operativo de Crecemento Intelixente (POCInt). A finalidade do FEDER é fortalecer a cohesión económica e social na Unión Europea e corrixir os desequilibrios entre as súas rexións.

Compartir: