CONSORCIO

A Real Filharmonía celebra esta semana dous concertos didácticos para colexios

16/01/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de primaria e secundaria. O primeiro será o mércores 18 e o segundo o xoves. Ámbalas citas terán lugar ás 11:00 horas no compostelán Auditorio de Galicia e contarase coa colaboración do actor Carlos Hermida, que intervirá como narrador.

A batuta destes concertos levaraa o director novel Piero Lombardi. De pai italiano e nai coruñesa, naceu en Estocolmo en 1989. Dirixe de memoria, xa que considera que a partitura é unha barreira e gústalle sentir a complicidade cos músicos e mirarlles directamente aos ollos.

Lombardi inicia a súa formación musical no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, onde estuda piano e violín. Logo trasládase a Zurich para estudiar violín e despois fórmase en dirección de orquestra na mesma cidade suíza. A partir de entón reside en Manchester, onde obtén unha bolsa para novos directores, o que lle dá a oportunidade de traballar con importantes mestres e coas mellores orquestras. En 2011 gaña o concurso para directores da Universidade das Artes de Zurich. Traballou como asistente de Sir Neville Marriner e tamén de Jesús López Cobos, neste caso coa Ópera Alemá de Berlín.

Espazo de Danza da USC
Nestes concertos didácticos, a orquestra achegará aos rapaces unha serie de bailes e danzas tradicionais, que interpretarán bailaríns do Espazo de Danza da Universidade de Santiago. As primeiras serán as Danzas romanesas de Béla Bartók, que representan seis bailes folclóricos do país. A continuación escoitarán o Minueto do compositor italiano Luigi Boccheirini, unha antiga danza tradicional da música barroca orixinaria da rexión francesa de Poitou. Logo, os músicos tocarán Pizzicato Polka, composta polos irmáns Josef e Johann Strauss. A polca é unha danza folclórica dos países de Centroeuropa que se transforma en baile de salón a principios do século XIX.

A RFG interpretará tamén o popular "Vals das flores" de O Crebanoces de Chaikovski. E de seguido, os asistentes terán a oportunidade de escoitar a Danza húngara nº 5, a máis coñecida de Brahms. Os concertos rematarán co fragmento "Natural" da obra Catro bagatelas, unha muiñeira do compositor galego Rogelio Groba.

Compartir: