URBANISMO

Aprobada a urbanización da segunda fase do polígono residencial de Cornes

20/11/2006 A urbanización da segunda fase do polígono residencial de Cornes comezará en breve, trala aprobación pola Xunta de Goberno do proxecto. O documento ratificado incorpora as modificacións solicitadas na aprobación inicial e define as conexións coa rúa García Prieto e outros vieiros como o Antonio Fraguas, O Penedo ou a Avenida de Vilagarcía.

Esta segunda fase de actuación únese á primeira, xa en desenvolvemento, e a intención e que a urbanización se realice de xeito paralelo. Neste solo de Cornes construiranse unhas 358 vivendas.

O Goberno local tamén deu o visto bo a outros dous proxectos de urbanización. Un deles é o da área de execución integral número 2 (AEI-2) de Choupana-Santa Marta. Estas actuacións custarán uns 90.000 euros, que se investirán nun ámbito de actuación de 1.500 metros cadrados. Estas obras servirán para artellar o desenvolvemento urbano desta zona, situada fronte á estrada de Pontevedra.

Outro proxecto aprobado de xeito definitivo é o da unidade de actuación número 27 (UA-27) do Plan especial de reforma interior número 7 (PERI-7) de Pontepedriña. Este ámbito, situado entre a rúa da Estrada e a rúa do Restollal comprende 860 metros cadrados para edificación e 181 metros cadrados de vía pública.

De xeito inicial, ratificouse tamén o proxecto de urbanización da unidade de xestión número 15 (UX-15) de Picaños. Trátase de tres espazos, dos que dous son privados e un público, cun total de 3.200 metros cadrados, dos que 430 serán para equipamentos comunitarios e 2.770 para uso residencial. Investiranse preto de 100.000 euros na urbanización.

Convenio urbanístico no Sunp-4

Finalmente, tamén en materia de urbanismo, a Xunta de Goberno tomou coñecemento do convenio urbanístico para a concreción do aproveitamento municipal no proxecto de compensación do SUNP-4 (Camiño Francés). En virtude desta operación, que permitirá a construción dunha gran superficie comercial nas Cancelas, o Concello recibirá uns 6,5 millóns de euros nos vindeiros meses.

O convenio recolle a venta dunha porcentaxe da superficie de aproveitamento á empresa promotora, pola que o Concello percibirá 3,7 millóns de euros. Por outra parte, o municipio resérvase unha parcela de 2.100 metros cadrados, nos que se construirán vivendas de carácter social. A terceira parte do aproveitamento satisfarase cun pago directo de 2,7 millóns de euros.

Compartir: