NADAL

Éxito de participación nas actividades de Nadal, con preto de 30.000 asistentes á Cabalgata de Reis

10/01/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, fixo durante o día de hoxe un balance do que foron as actividades programadas polo Concello durante este Nadal. Unha programación transversal na que participaron os departamentos de Acción Cultural, Centros Socioculturais, Comercio, Deportes, Mocidade,Turismo ou Medio Ambiente, entre outros.

Xan Duro cualificou o resultado destas actividades como "moi satisfactorio e positivo, non só pola alta participación na maior parte de actividades senón polo retorno que obtivemos das mesmas na cidade". Dende o Concello de Santiago fíxose o esforzo por achegar "un amplo abano de actividades pensadas para todos os públicos e todos os barrios" e, por iso, este ano houbo unha grande implicación da rede de centros socioculturais, que incorporaron varias actividades novidosas.

Conciliación mañá e tarde
Neste Nadal duplicouse a oferta de programas de conciliación, de tal xeito que ao ofertado por Educación durante as mañás nos CEIP das Fontiñas e Raíña Fabiola, sumáronse os centros socioculturais do Concello, cubríndose unha alta porcentaxe das prazas ofertadas.

Outros dous programas novidosos que tiveron un moi bo retorno na veciñanza foron o Cine no Nadal, nos centros socioculturais de Vite, Fontiñas, Ensanche, Santa Marta, Conxo, Trisca, Amio e Casa Agraria, e as Festas do Nadal, celebradas en todos os centros do concello e cunha participación alta e activa por parte de veciños e veciñas.

Éxito da Cabalgata
Sen dúbida, unha das actividades con maior afluencia de público foi a Cabalgata do día de Reis, que baixo o lema "A ruta dos desexos" congregou a aproximadamente 30.000 persoas nas rúas de Compostela e a preto de 8.000 na praza de Obradoiro para escoitar o discurso de Melchor, Gaspar e Baltasar. Discurso que, este ano e por primeira vez, foi interpretado en lingua de signos grazas á Asociación de Persoas Xordas de Compostela.

"Os Reis Magos -engadiu Xan Duro- recibiron a aproximadamente 1.100 nenos e nenas que se achegaron ao Pazo de Raxoi para trasladarlles os seus desexos e peticións".

Días antes, a praza do Obradoiro tamén foi protagonista coa Festa de fin de ano e o concerto posterior de Cais Sodré Funk Connection, un grupo lisboeta apaixonado polo funk e o soul que atraeu a preto de 4.000 persoas despois das uvas de Noitevella.

Máis de 6.500 persoas
As actividades de Acción Cultural deste Nadal tiveron tamén unha acollida moi positiva entre o público. Ofrecéronse 12 actividades nas que participaron máis de 6.500 persoas, con dous escenarios principais: o Teatro Principal e o Auditorio. Entre as actividades con maior éxito de público, ademais dos concertos da Real Filharmonía do 16 e 22 de decembro, así como do día de Reis, destacaron o Harlem Gospel Choir, a actuación de Balbino ou o concerto da Banda Municipal de Música.

O Compostela Aventureira, celebrado os días 16, 17 e 18 de decembro no pavillón do Lamas de Abade foi unha das novidades de maior participación deste Nadal, con máis de 700 persoas participantes. O concelleiro de Medio Ambiente destacou que "todo o público que participou amosou unha actitude moi positiva ante a innovadora actividade ofertada, sobre todo pola oportunidade de pasar un rato de lecer en familia".

Entre as actividades organizadas por Políticas Sociais destacan o Campionato de Futbolín, coa participación de máis de 30 rapaces e rapazas na masterclass e de 16 parellas na competición. Nos obradoiros de muralismo celebrados nas Fontiñas participaron uns 25 mozos e mozas, cuxo resultado foron tres grandes murais de 150 metros cadrados.

Mercado de Nadal
A Carreira do Conde acolleu este ano o Mercado de Nadal, que este ano non só tivo éxito de público, senón tamén de casetas, cun total de 65 postos instalados en seis quendas. Xan Duro asegurou que "resultou ser un éxito como dinamizador, tanto do Ensanche como do Casco Histórico, pola zona na que o ubicamos este ano, na Carreira do Conde, rúa de tránsito peonil entre ambas zonas da cidade". De feito, estímase que polo Mercado pasaron aproximadamente 17.000 persoas.

Tamén o Belén artesanal situado en San Fiz de Solovio mantivo os éxitos do Nadal pasado, coa visita de preto de 24.000 persoas durante o período navideño.

A pista de xeo da Alameda continúa aínda aberta ao público en horario de 17:00 a 21:00 horas; e os sábados e domingos de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. As entradas custan 10 euros.

Compartir: