EDUCACIÓN

Porto do Son triunfa nos premios "Educacompostela"

20/11/2006 O Salón Nobre da Casa do Concello acolleu a entrega de premios da IV edición de "Educacompostela". O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presidiron este acto, no que o gran triunfador foi o municipio de Porto do Son, xa que dous dos seus centros levaron os dous primeiros galardóns.

O primeiro premio foi para a curtametraxe titulada "Nico", elaborada polo grupo SonCine, do IES Porto do Son e que xira en torno a unha temática tan actual coma o acoso escolar. O xurado quixo destacar a implicación de moi diferentes profesionais nesta proposta e a implicación dos alumnos/as de secundaria na mesma. Considerouse que esta curta é un recurso útil para poñer en práctica noutros centros, polo seu carácter tan innovador.

O segundo clasificado tamén viña de Porto do Son. Foi o traballo titulado "O millo", realizado por Mª Jesús Pena Rey e os alumnos/as de cuarto de Primaria do CEIP de Xuño. O xurado estimouno por ser un traballo interdisciplinar no que destaca a súa temporalización, a durabilidade no tempo, abranguendo os diferentes procesos de traballo co millo. Destaca tamén a implicación da comunidade educativa, o papel directo do alumnado na elaboración e o seu valor como actividade complementaria.

A proposta escollida para o terceiro premio foi a titulada "Convivencia e interculturalidade no noso centro", do IES Antón Fraguas, de Santiago de Compostela. O xurado quixo destacar a interdisciplinariedade do traballo, que conta na súa realización coa implicación das institucións e diferentes axentes sociais e coa labor de varios profesores/as do centro. Trátase dunha temática de grande actualidade, orientada ao coñecemento doutras culturas, que atende ás desigualdades e fomenta o traballo coa familia.

Por último, o xurado deu unha mención ao traballo titulado "A boca e os dentes", presentado por un grupo de traballo composto por profesionais do segundo ciclo de educación infantil do Centro Educativo Andaina, de Culleredo. O Xurado quixo resaltar o interese que supón aplicar as novas tecnoloxías e a lingua galega á educación infantil, pois non existen moitos recursos aplicables á aula neste ámbito.

Trala entrega de premios, o alcalde compostelán destacou que estes premios valoran "a innovación e a integración nos centros educativos" e referiuse á "actualidade" dos temas tratados nos trabalos, coma o acoso escolar ou a integración de persoas doutras culturas. Nesta mesma liña se pronunciou a concelleira de Educación, que salientou a "cantidade, calidade e variedade" dos traballos presentados a concurso. "A educación é un investimento de futuro", afirmou Elvira Cienfuegos, que animou tamén aos profesores a "comunicar as súas experiencias innovadoras".

Compartir: