NADAL

Os Reis Magos repartiron ilusión en Compostela

05/01/2017 As rúas de Santiago acolleron a tradicional Cabalgata de Reis, na que Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron acompañados por máis de 300 persoas, das que 200 eran veciños e veciñas da capital galega inscritos/as no proceso participativo aberto polo Concello. Os Reis Magos foron recibidos polo alcalde e a Corporación, e escoitaron os desexos dos nenos e nenas que se achegaron ata o Pazo de Raxoi.

Como é tradición, os Reis Magos chegaron a Santiago en tren. Na estación de ferrocarril foron recibidos por músicos e paxes, antes de iniciar o desfile polas rúas da cidade. A Cabalgata estivo composta por seis carrozas: as tres dos Reis Magos, a do Carteiro real, a da Árbore dos Desexos e unha inspirada na película Aladín.

No desfile tamén participaron o tren turístico e outros combos con actores, músicos, clowns e zancudos. A Cabalgata pechábaa un camión antigo dos Bombeiros de Santiago. A maioría dos combos foron deseñados para o desfile dos Reis Magos de Santiago, o que garantiu a súa exclusividade.

Por segundo ano consecutivo, o Concello buscou a implicación da cidadanía no desfile, no que ademais de grupos profesionais participaron ata 200 voluntarios e voluntarias. Durante o percorrido repartíronse 2.000 quilos de caramelos sen glute para todos os nenos e nenas da cidade.

Música, saúdo e espectáculo
Á chegada á praza do Obradoiro, a comitiva real foi recibida polo alcalde, a Corporación municipal e a Banda Municipal de Música. A formación dirixida por Casiano Mouriño ofreceu na mesma praza un concerto especial, centrado na temática do Nadal.

Como cada ano, os nenos e nenas puideron saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi. Ademais, os Reis Magos saíron ao balcón da casa consistorial para saudar á veciñanza que non accedeu ao interior do edificio.

A xornada máis máxica do Nadal pechouse cun espectáculo de acrobacias, luces e videomapping, unha aposta novidosa este ano para a Cabalgata de Reis.

Compartir: