NADAL

Remata o Mercado de Nadal de Carreira do Conde con éxito de participación e 65 postos instalados

05/01/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, visitou esta mañá o Mercado de Nadal instalado na Carreira do Conde, que remata hoxe tras máis dun mes instalado.

Xan Duro destacou "o éxito desta edición do Mercado, polo que pasaron un total de 65 postos divididos en 6 quendas. Non obstante, lembrou que "en total foran 107 solicitudes, 21 máis que o ano pasado, e 7 postos máis colocados durante o mes que estivo instalado o Mercado".

Unha das novidades que mellor funcionou nesta edición do Mercado foi o Espazo Creativo, unha zona con diversos obradoiros de participación aberta. Ao longo de 18 xornadas, sucedéronse, tanto pola mañá como pola tarde, talleres nos que os e as participantes puideron aprender a facer xoguetes con material de refugallo, paxaros con pelotas de tenis de mesa, envoltorios para agasallos, colgantes para as árbores de Nadal... As fins de semana habilitouse tamén unha ludoteca, con xogos e entretemento para os máis pequenos e pequenas.

Houbo 14 expositores por cada quenda, con postos que ían dende artesáns do xoguete galego ata fabricantes de títeres, pasando por alimentación, xoiería en prata, bixutería, complementos, cerámica, reciclaxe de madeira, decoración específica de Nadal, regalos, cosmética natural… O Mercado estivo aberto dende o sábado 3 de decembro ata hoxe xoves 5 de xaneiro en horario de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados e domingos de 11:00 a 21:00 horas (horario ininterrompido).

Xan Duro quixo pór en valor a ubicación elixida este ano para o Mercado, que "resultou ser un éxito". O concelleiro lembrou que "se trata dunha zona de grande afluencia peonil e de tránsito entre o Casco Histórico e o Ensanche e cunha localización moi preto da Alameda de Compostela".

Compartir: