TURISMO

Santiago logrou no 2016 récords en pernoctacións, no aeroporto e no Camiño

04/01/2017 O ano 2016 foi un moi bo ano para o sector turístico de Santiago, segundo a concelleira de Turismo, Marta Lois, nunha primeira valoración dos datos correspondentes ao ano pasado. Segundo apuntou, "aínda non están dispoñibles os datos definitivos para poder facer unha valoración máis precisa, pero cos datos xa publicados polas distintas fontes oficiais si se pode afirmar que no 2016 Santiago conseguiu novos máximos históricos nas principais variables que definen a demanda turística da cidade: pernoctacións, tráfico no aeroporto e Compostelas entregadas".

Ata o mes de novembro, Santiago suma 1.320.341 pernoctacións. A previsión é que a final de ano, sumando as noites de hotel de decembro, se superen amplamente o as 1.350.000. Con estas cifras, 2016 converteuse no primeiro ano non Santo no que se superan as 1.300.000 pernoctacións, logo de que no 2015 se conseguise superar tamén por primeira vez nun ano non Santo as 1.200.000. Santiago conseguiu gañar arredor de 300.000 pernoctacións dende o 2012, que foi o ano no que a crise económica afectou dun xeito máis profundo á demanda turística da cidade.

A positiva evolución das pernoctacións na cidade apoiouse nos últimos anos no constante crecemento do turismo internacional, que este ano volverá a marcar un novo récord absoluto con máis de 650.000 pernctacións. O turismo internacional non deixa de crecer dende o 2011, cando houbo 376.529 e representaron o 33% do total. En apenas cinco anos conseguíronse gañar 300.000 pernoctacións internacionais, que xa están preto de representar o 50% das noites de hotel na cidade.

O aeroporto conseguiu superar por primeira vez na súa historia os dous millóns e medio de pasaxeiros e pasaxeiras, superando en arredor de 50.000 o anterior máximo marcado no ano 2011. A pasaxe do aeroporto no 2014 fora de 2.083.873, polo que en apenas dous anos conseguiuse gañar máis de 400.000, cun aumento que se apoiou especialmente no aumento do tráfico nas conexións internacionais directas, que no 2016 superaron o medio millón de pasaxeiros e pasaxeiras.

Non obstante, tal como destacou Marta Lois, a situación actual do aeroporto é moi distinta a situación que tiña no 2011. Naquel ano conseguiuse o máximo grazas a un importante aumento da oferta de Ryanair, que roldou o 50% do tráfico do aeroporto. Tras o 2011 viñeron un par de anos moi complicados nos que se perderon 400.000 pasaxeiros e pasaxeiras.

Neste momento, pola contra, o aeroporto conta con novas bases de Ryanair e Vueling e unha maior diversificación de compañías que permiten prever que as cifras poden continuar medrando a curto e medio prazo. Neste sentido, destaca a chegada de Lufthansa, que comezará a operar as novas conexións con Frankfurt e Munich a finais de marzo.

Finalmente, a concelleira destacou tamén que no Camiño de Santiago se conseguiu marcar un novo máximo anual, superando mesmo os datos do Ano Santo 2010. A cifra final foi de 278.041 persoas, das cales 153.757 foron dos mercados internacionais, que representaron xa máis do 55% do total.

Documentos relacionados



Compartir: