NADAL 2016

Máis de 300 persoas acompañarán aos Reis Magos no seu desfile polas rúas de Santiago de Compostela

04/01/2017 Xa está todo listo para a xornada máis especial para os nenos e nenas nas festas do Nadal: a da chegada dos Reis Magos a Santiago. Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán as rúas de Compostela nun desfile no que van participar máis de 300 persoas, das que 200 son veciños e veciñas da capital galega inscritos no proceso participativo aberto polo Concello.

Como é tradición, os Reis Magos virán a Santiago en tren, e está previsto que cheguen á estación de ferrocarril ás 17:25 horas. Alí serán recibidos por músicos e paxes, que tomarán parte da comitiva que percorrerá as rúas da cidade desde as seis da tarde, seguindo o itinerario habitual.

A Cabalgata estará composta por seis carrozas: as tres dos Reis Magos, a do Carteiro real, a da "Árbore dos desexos", e unha inspirada na película Aladín. No desfile tamén participarán o tren turístico e outros combos con actores, músicos, clowns e zancudos. A Cabalgata estará pechada por un camión antigo dos Bombeiros de Santiago. A maioría dos combos foron deseñados para o desfile dos Reis Magos de Santiago, o que garante a súa exclusividade.

Por segundo ano consecutivo, o Concello buscou a implicación da cidadanía no desfile, no que ademais de grupos profesionais participarán ata 200 voluntarios e voluntarias. Durante o percorrido repartiranse 2.000 quilos de caramelos sen glute para todos os nenos e nenas da cidade.

Chegada á praza do Obradoiro
A comitiva real chegará en torno ás 19:30 horas á praza do Obradoiro, onde será recibida polo alcalde, a Corporación municipal e a Banda Municipal de Música. Como novidade, a formación dirixida por Casiano Mouriño ofrecerá na mesma praza un concerto especial, centrado na temática do Nadal.

Como cada ano, os nenos e nenas poderán saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi. Ademais, os Reis Magos sairán ao balcón da casa consistorial para saudar á veciñanza que non acceda ao interior do edificio.

A xornada máis máxica do Nadal pecharase cun espectáculo de acrobacias, luces e videomapping, unha aposta novidosa este ano para a Cabalgata de Reis.

Ordenación do tráfico
Con motivo deste evento e do paso da Cabalgata por distintas rúas da cidade, a Concellería de Medio Ambiente e Convivencia porá en marcha un operativo de ordenación do tráfico que inclúe algúns devíos e prohibicións de estacionamento. Toda a información pode consultarse no seguinte enlace:

Compartir: