SAÚDE

O Concello de Santiago colabora coa Liga Reumatolóxica Galega na campaña "Polos teus ósos"

03/01/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, acompañada da presidenta da Liga Reumatolóxica Galega, Ana Vázquez, presentou a campaña de sensibilización que a entidade desenvolverá o mércores 4 e o xoves 5 de xaneiro na praza Roxa.

A Liga Reumatolóxica Galega instalará unha carpa informativa de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas, na que "ofreceremos información sobre o tipo de enfermidades reumatolóxicas e musculoesqueléticas que afectan ao 40% da poboación galega", sinalou Ana Vázquez. A presidenta da Asociación lembrou que "coas enfermidades reumatolóxicas é preciso desmitificar moitas cuestións e, cando lanzamos este tipo de campañas, somos conscientes da desinformación que hai entre a cidadanía".

Concha Fernández destacou que "en Galicia, as enfermidades reumatolóxicas e musculoesqueléticas son a primeira causa de absentismo laboral e incapacidade", e avogou pola "detención precoz como clave para superar este tipo de doenzas". A concelleira destacou a colaboración do Concello con entidades como a Liga Reumatolóxica e lembrou a "andaina popular e a carreira celebrada nos arredores da Alameda, na que participaron numerosos veciños e veciñas de todas as idades".

Polos teus ósos
Aproveitando a sesión informativa da carpa que se colocará estes dous días na praza Roxa, a entidade iniciará tamén unha campaña para captar fondos na que venderán, ao prezo de 5 euros, caixas de bombóns con forma de ósos e que servirán de axuda para o desenvolvemento das súas actividades.

Direccións relacionadas



Compartir: