BENESTAR ANIMAL

O Refuxio de Animais de Bando celebra este mércores a súa primeira xornada de portas abertas

03/01/2017 A concelleira de Benestar Animal, Noa Morales, deu conta hoxe da celebración da primeira xornada de portas abertas no Refuxio de Animais de Bando. Será mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

A concelleira explicou que esta iniciativa está enmarcada nas actividades organizadas polo seu Departamento con motivo das festas de Nadal, co obxectivo de concienciar á veciñanza da responsabilidade que supón ter un animal, "que aínda que se poida agasallar nestas datas non é un xoguete". A xornada de portas abertas está dirixida "a todas as persoas que estean pensando en agasallar unha mascota de cara a Reis, pero tamén ás que non poden coidar dun animal pero queren contribuír ao seu benestar". Nese sentido, as persoas que se acheguen ata Bando recibirán información de cómo poden colaborar co Refuxio, "ben sexa co seu tempo, ou de xeito económico". Noa Morales recordou que existe a posibilidade de amadriñar ou apadriñar un animal de Bando, o que supón unha achega de 60 euros anuais.

Outras actividades
A xornada de portas abertas no Refuxio de Animais de Bando súmase a outras iniciativas organizadas dende o Departamento de Benestar Animal nas últimas semanas. Noa Morales lembrou que se realizaron actividades ao aire libre nos parques, e tamén charlas informativas nos centros socioculturais. O Departamento dirixiu as iniciativas "cara os máis novos, porque non hai mellor campaña que explicarlles aos nenos e nenas que os animais non son xoguetes".

Compartir: