DEPORTE

Cen xadrecistas participarán este martes en Área Central no torneo organizado pola Escola de Xadrez Compostela

02/01/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, acompañada do secretario da Escola de Xadrez Compostela, Marco Porto, e do xadrecista Alejandro Cereijo presentou esta mañá o torneo que a Escola celebra mañá martes a partir das 16:30 horas, en Área Central, como unha actividade máis deste Nadal.

Noa Morales destacou que Compostela goza "dunha moi boa tradición de xadrez e, sobre todo, dunha moi boa canteira de xogadores e xogadoras que levan o nome da nosa cidade polo mundo adiante. De feito, o pasado mes de abril celebramos en Compostela a Copa Galicia de Clubs de xadrez, un evento que é un dos referentes a nivel autonómico neste deporte". Tamén quixo lembrar que, do 4 ao 16 de novembro do 2018, "acolleremos o Mundial Sub-8, Sub-10 e Sub-12 de Xadrez, no que participarán 2.500 nenos e nenas de todo o mundo".

O secretario da Escola de Xadrez Compostela, Marco Porto, avanzou que o torneo acollerá a participación de 100 persoas, "aínda que as previsións iniciais eran de 80, previsións que vimos superadas con creces". O evento comezará ás 16:30 horas e celebraranse 6 roldas de 15 minutos "finish" tanto da categoría absoluta como sub-14. Participarán persoas de toda Galicia e tamén de puntos de Canarias e Andalucía.

Trátase ademais do primeiro evento que organiza a Escola de Xadrez Compostela, que nace co obxectivo de fomentar o xadrez na nosa cidade e, sobre todo, entre a xente máis nova. Marco Porto destacou, sobre todo, "a importancia de sacar o xadrez dos espazos pechados e lévalo á rúa, e de aí que se celebre este evento deportivo en Área Central".

Compartir: