ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal de Música de Santiago ofrecerá 17 concertos no seu Ciclo de Inverno

02/01/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou o Ciclo de Inverno da Banda Municipal de Música, acompañado polo director da formación, Casiano Mouriño. Entre xaneiro e marzo, a Banda ofrecerá un total de 17 concertos, dos que catro serán didácticos. O alcalde salientou que estamos diante "dunha programación moi diversa, tanto polo público ao que pretende achegarse como polo repertorio que poderemos escoitar nas distintas actuacións".

A programación de inverno da Banda Municipal de Música comezará o xoves cun concerto na praza do Obradoiro ás 19:00 horas. Será unha actuación vinculada á Cabalgata dos Reis Magos, que amenizará a espera dos que estean na praza agardando por Melchor, Gaspar e Baltasar. Casiano Mouriño explicou que "o repertorio deste concerto será moi diferente do habitual na Banda, centrado nas datas do Nadal e con temas que poidan ser interpretados de pé polos músicos sen maiores dificultades".

Ademais, o domingo 8, a Banda ofrecerá o seu clásico Concerto de Reis no Teatro Principal, a partir das 12:00 horas. Neste caso, segundo apuntou o director, "o repertorio estará protagonizado por Viena e polos Strauss, facendo unha reinterpretación dos clásicos concertos de Aninovo".

Concertos para maiores e concertos didácticos
Ao longo deste primeiro trimestre do ano, a Banda ofrecerá dous concertos para maiores. Serán o xoves 12, na residencia Porta do Camiño, ás 12:00 horas; e o venres 13, na residencia Volta do Castro, a partir das 11:30 horas.

Ademais, haberá ata catro concertos didácticos da Banda no seu Ciclo de Inverno. Os do mes de febreiro serán o xoves 9 e o venres 10, ás 11:00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Neles, a Banda de Música contará coa colaboración de Viravolta Títeres, e xuntos porán en escena unha particular versión de West Side Story.

Xa no mes de marzo, haberá concertos didácticos o xoves 30 e o venres 31, tamén na Sala Mozart do Auditorio. Neste caso, porase en escena o espectáculo Corre, corre, Boliña!, con Celso Fernández como narrador.

Colaboracións
Outra das máximas da Banda Municipal de Música á hora de deseñar a súa programación para os meses de inverno foi a de manter as colaboracións con outras institucións musicais da cidade. Así, haberá un concerto en colaboración coa Escola Municipal de Música, o domingo 29 de xaneiro no Teatro Principal, e outro no que a Banda compartirá o escenario do Auditorio de Galicia co Conservatorio de Música de Santiago, o venres 3 de marzo. Casiano Mouriño salientou a importancia destes recitais, "que lle dan a estudantes de música a oportunidade de vivir un concerto en primeira persoa cunha banda de música totalmente profesionalizada".

Dentro do Ciclo de Inverno da Banda de Música de Santiago tamén está previsto un concerto con Leonardo Martínez Cayuelas como director invitado, o domingo 12 de marzo. Por último, mantéñense os habituais concertos dos domingos no Teatro Principal.

Documentos relacionados



Compartir: