ACCIÓN CULTURAL

A compañía Producións Teatrais Excéntricas estrea en 2017 o primeiro Valle-Inclán en galego

29/12/2016 Oitenta anos despois do pasamento do escritor e dramaturgo galego Ramón María del Valle-Inclán, a súa obra poderá ser gozada por primeira vez en galego. Será a peza A Cabeza do Dragón a que sirva de catalizador, e será Producións Teatrais Excéntricas -con Quico Cadaval á fronte- a encargada de poñela sobre as táboas. O elenco está formado por Iván Marcos, Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira, María Costas, Josito Porto, Yelena Molina, Marcos Orsi e o propio Cadaval.

O Teatro Principal de Compostela será o que acolla a estrea desta obra, o venres 3 de marzo, e será testemuña de seis representacións do primeiro Valle-Inclán galego ata o sábado 11 de marzo, para chegar, o venres 17, ás táboas do Teatro Colón da Coruña, onde permanecerá en cartel ata o venres 18 con dúas representacións programadas.

As funcións en Santiago serán venres 3, sábado 4 e domingo 5 e, de novo a semana seguinte, xoves 9, venres 10 e sábado 11 de marzo, todas ás 20:30 horas. As entradas están xa á venda en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas. O prezo é de 10 euros, 5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais

A Cabeza do Dragón foi incluída polo autor, Ramón María del Valle-Inclán, nunha colección de farsas que, titulou, ironicamente, "Retablo de marionetas para educación de príncipes". A historia conta, mais unha vez, a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo, e tamén na nosa, a cultura europea. Esta fábula, que é do dominio público, está brillantemente manipulada polo autor. Valle-Inclán introduce elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas, anacronismos argumentais, comentarios alleos á tradición do conto marabilloso... A función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a banalización do amor romántico son temas da obra que continúan de actualidade. Valle-Inclán, coas oportunas manipulacións, leva a fábula ao grotesco contemporáneo que el creou: o esperpento.

Direccións relacionadas



Compartir: