BENESTAR ANIMAL

Continúan as charlas sobre tenza responsable de animais nos centros socioculturais

27/12/2016 A Concellaría de Benestar Animal está aproveitando as datas do Nadal para impartir charlas sobre tenza responsable de animais, en colaboración co club de fans Só lles Falta Falar. Para esta semana están previstas dúas sesións: o mércores 28, ás 11:00 horas, no Centro Sociocultural de Santa Marta, e o xoves 29, ás 19:30 horas, no Centro Sociocultural de Vite.

As charlas sobre tenza responsable de animais pretenden sensibilizar á cidadanía sobre as obrigas que teñen os propietarios de mascotas e amosar que os animais domésticos non son xoguetes que agasallar nestas datas se non temos a seguridade de que os seus futuros donos e donas lles van prestar as atencións debidas.

Nesta liña, na actividade danse algunhas claves sobre a lexislación sobre protección animal, que obriga aos donos e donas de animais domésticos a ofrecerlles os coidados veterinarios precisos, procurarlles un aloxamento e unha alimentación apropiada para as súas características, e a terlles implantado un microchip identificativo. Ademais, a normativa recolle situacións que poden ser constitutivas de infracción administrativa ou mesmo ser consideradas delito, xa que os animais están protexidos polo Código Penal.

Compartir: