EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Uns 70 nenos e nenas participan no Programa Municipal de Conciliación de Nadal nos CEIP Fontiñas e Raíña Fabiola

26/12/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou esta mañá o CEIP das Fontiñas, onde deu comezo o Programa de Conciliación do Nadal, que se desenvolve no CEIP mencionado e no Raíña Fabiola. Esta proposta educativa vén a sumarse á ampla programación cultural e educativa da cidade nestas datas.

Todos os e as participantes participaron hoxe de forma conxunta no CEIP das Fontiñas nas actividades programadas. Na primeira parte da mañá realizaron un obradoiro de cociña no que descubriron as posibilidades dos colorantes naturais e, despois do descanso, gozaron cun obradoiro de experimentos científicos.

O Programa Municipal de Conciliación do Nadal 2016 realízase durante o período das vacacións de Nadal (22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro). Este programa comprende un conxunto de actividades destinadas á poboación escolarizada en educación infantil e primaria do municipio de Santiago.

Este programa concíbese coma un espazo educativo, de promoción do ocio e o tempo de lecer, ademais dun recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. Esta edición do programa ten como centro de interese Xogamos coa ciencia. Por ese motivo e a través de diferentes actividades, os e as participantes aproximaranse ao mundo científico, realizarán experimentos e afianzarán valores de respecto e coidado do medio ambiente e do mundo natural.

O concelleiro destacou que "se trata de atender aos rapaces e rapazas neste espazo con actividades de lecer que lles permita aprender xogando". O custo da actividade para o Concello é de 7.000 euros, "o que permite sufragar os gastos daquelas familias con menos recursos, xa que hai descontos dende o 20%".

O horario do programa é 9:00 a 14:00 horas e ofrécese a posibilidade de que as familias poidan solicitar ademais un servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas no CEIP as Fontiñas) e un servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas) nos dous colexios. Ademais, existe tamén un programa de conciliación durante todas as tardes na rede de centros socioculturais do concello.

Actualmente aínda quedan prazas dispoñibles, polo se algunha familia necesita utilizar o servizo. Hai 70 nenos e nenas matriculadas, 37 no CEIP das Fontiñas e 33 no Raíña Fabiola. Para iso, pode dirixirse ao Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela para tramitar a solicitude ou ao teléfono de coordinación directa do programa (691 475 060).

Documentos relacionados



Compartir: