DEPORTE

Martiño Noriega visita o Campus Vero Boquete

26/12/2016 O alcalde saudou esta mañá as/os participantes no VI Campus de Fútbol Vero Boquete, que se celebra ata o mércores en varias instalacións deportivas municipais. Martiño Noriega estivo acompañado pola concelleira de Deporte, Noa Morales.

Máis dun cento rapaces e rapazas de entre 4 e 18 anos participan nesta actividade dirixida pola futbolista compostelá do París St. Germain, quen asegurou que para ela "é un pracer volver á casa nestas datas, e pasalas cos rapaces e rapazas deste campus, que xa está consolidado e que esperamos manter xa para sempre". Vero Boquete salientou que cada ano se apuntan máis nenas a esta actividade, "que permite relacionar o deporte coa igualdade e transmitir os seus valores".

Pola súa banda, o alcalde gabou o traballo que está facendo Vero Boquete, "unha persoa coa que é unha sorte contar na cidade e que é toda unha referencia". Martiño Noriega tamén mostrou a súa satisfacción pola elevada presenza de rapazas no campus, "competindo en igualdade de condicións cos rapaces e demostrando un altísimo nivel".

O Campus Vero Boquete está dirixido a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos que queiran desenvolver e perfeccionar os fundamentos técnicos e tácticos do fútbol, nun ambiente de amizade e compañeirismo.

As actividades están adaptadas a cada franxa de idade. Para os máis pequenos, de 4 e 5 anos, hai actividades relacionadas coa psicomotricidade e o predeporte; nos 6 e 7 anos practican fútbol sala; e dos 8 aos 18 céntranse xa no fútbol campo. O campus desenvólvese nos campos de fútbol de Santa Isabel, As Cancelas e o Sergas, así como no Centro Xuvenil Don Bosco.

Compartir: