XUNTA DE GOBERNO

Resolta a convocatoria de residencias na Sala Agustín Magán de Santa Marta

23/12/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a resolución da convocatoria de residencias para proxectos de artes escénicas na Sala Agustín Magán. Esta foi a primeira convocatoria deste tipo para ese espazo do Centro Sociocultural de Santa Marta, e non suporá custo ningún para o Concello máis alá do apoio loxístico e técnico que se lles poida prestar ás compañías seleccionadas no proceso.

A resolución aprobada hoxe supón a ocupación da Sala Agustín Magán ata finais de xuño. Así, a compañía Pistacatro utilizará o recinto do 9 ao 28 de xaneiro, co seu espectáculo Outono; Produccións Excéntricas farao do 30 de xaneiro ao 11 de febreiro, con A cabeza do dragón; e Funboa Escénica estará do 13 de febreiro ao 3 de marzo, co espectáculo PANK". A convocatoria complétase coa compañía Cisma, que porá en escena o espectáculo Ausencia do 27 de marzo ao 8 de abril; e con Iván Marcos, seleccionado para utilizar a sala do 5 ao 23 de xuño con Praga.

A selección das compañías fíxose a través dunha comisión integrada por dous técnicos da área de Acción Cultural do Concello, un representante de Escena Galega e un representante da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Á hora de facer a adxudicación tívose en conta a traxectoria do solicitante, o plan de estrea e circulación, o interese artístico do proxecto e a súa adecuación ás características da Sala Agustín Magán, así como a inclusión de actividades de mediación coa comunidade local (charlas, obradoiros, ou outras propostas dirixidas directamente á veciñanza).

Convenios culturais
Aínda en materia cultural, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a xustificación de varios convenios con entidades culturais, que supoñen achegas municipais. Trátase dos acordos con Numax (11.722,8 euros), Fundación Rosalía de Castro (3.821,94 euros), Asociación Cultural Musican ConToneSon (3.990,8 euros), Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia (3.500 euros), Asociación do Traxe Galego (3.729,37 euros), Museo do Pobo Galego (10.000 euros), Grupo de Baile e Música Tradicional Brincadeira (3.500 euros), Curso Universitario Internacional Música en Compostela (3.825 euros), Asociación Folclórica Colexiata de Sar (3.500 euros) e Ateneo de Santiago (5.000 euros).

Bolsas de comedor
A Xunta de Goberno aprobou o pago de bolsas de comedor correspondentes aos meses de setembro, outubro e novembro nas súas dúas modalidades: carencia de recursos e conciliación da vida persoal, laboral e familiar. As axudas supoñen un total de 79.619,76 euros. Tamén se deu o visto bo ao pago de actividades extraescolares nos meses de outubro e novembro, unha novidade da convocatoria da Concellaría de Políticas Sociais, por un total de 10.583,96 euros.

Ademais, o Goberno local resolveu as solicitudes de novas bolsas de comedor por causas sobrevidas. Concedéronse oito axudas para comedor por carencia de recursos, e dúas bolsas de actividades extraescolares, que suporán un desembolso de case 5.500 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: