FACENDA

O alumnado do Xelmírez I coñece o proceso de elaboración dos orzamentos

20/12/2016 O Salón de Plenos do Concello acolleu esta mañá unha explicación da concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, sobre o proceso de elaboración dos orzamentos municipais. As persoas receptoras desa explicación foron un grupo de aproximadamente 30 alumnos e alumnas do IES Xelmírez I.

María Rozas explicoulles en que se divide un orzamento municipal, as partidas existentes no mesmo e o procedemento de elaboración do documento. Así, Rozas comentoulles que o proceso comeza no momento de elaborar as ordenanzas fiscais e que "é preciso, ao estar en minoría, establecer un tempo de negociación cos grupos da oposición para decidir que se incorpora no borrador".

O alumnado escoitou atentamente as explicacións da concelleira e preguntou as súas dúbidas en relación ao transporte urbano, á cantidade de diñeiro consignado ao pago das nóminas do persoal funcionario ou como se reparten as partidas entre as diferentes concellarías.

Compartir: