TURISMO

Santiago participou na I Bienal Internacional de Patrimonio de Córdoba como exemplo de boas prácticas

19/12/2016 A organización da Bienal Internacional de Córdoba, que se celebrou por primeira vez do 15 ao 17 de decembro na cidade andaluza e que nesta ocasión reflexionou sobre "A economía do Patrimonio", convidou a Turismo de Santiago a participar como exemplo nunha das mesas de boas prácticas do evento. A xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, explicou o traballo de colaboración entre Santiago e a cidade xaponesa de Tanabe para a promoción conxunta dos Camiños de Santiago e o Kumano Kodo.

Santiago e Tanabe levan traballando conxuntamente dende o ano 2008, cando se asinou o primeiro convenio de colaboración entre ambas cidades, e dende entón a colaboración foi facéndose máis profunda. Por exemplo, pasouse de desenvolver accións puntuais nos primeiros anos, como presentacións conxuntas en Fitur ou a creación dunha web común, spiritual-pilgrimages.com, a accións con maior vinculación, como un intercambio de persoal para coñecer mellor as nosas formas de traballar.

Neste sentido, cómpre destacar como exemplo de colaboración o proxecto do Pasaporte Dual, que se puxo en funcionamento en xuño do 2015. O Pasaporte Dual concíbese coma un documento similar a credencial do Camiño de Santiago, pero que se recoñece nos dous camiños, o de Santiago e o de Kumano.

Cando unha persoa completa os dous camiños, recibe un pin conmemorativo cos símbolos propios de ambas rutas de peregrinación, a vieira do Camiño de Santiago e o corvo de Tanabe, e súbese unha fotografía a un blog común. Ata o momento, preto de 400 persoas teñen percorrido ambos camiños.

A Bienal Internacional del Patrimonio é un evento organizado conxuntamente coa a cidade chilena de Valparaíso, que alternan a súa celebración. Trátase dun encontro que pretende reunir a responsables públicos e axentes económicos e sociais vinculados co patrimonio e a súas derivadas económicas.

Compartir: