INNOVACIÓN

Santiago, Madrid, A Coruña e Zaragoza unen esforzos para mellorar participación e transparencia a través da tecnoloxía

19/12/2016 Os concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Madrid e Zaragoza asinaron hoxe o convenio para a realización do proxecto Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable, proposta que foi unha das gañadoras da II convocatoria do programa Cidades Intelixentes da axenda dixital para España, convocado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. O investimento total do proxecto ascende a 2.090.461 euros, financiados por Red.es e os concellos, nun 60% e un 40%, respectivamente.

O obxectivo deste convenio de colaboración é o desenvolvemento pleno das políticas de Goberno Aberto nas cidades participantes, baseado en avances tecnolóxicos dos datos abertos, a participación cidadá e a transparencia.

O proxecto susténtase en tres eixos de acción. En primeiro lugar, os datos abertos e a consecuente creación de infraestrutura tecnolóxica e o establecemento dun conxunto de datos común, xeración de documentación e exemplos de uso. En segundo lugar, na área de participación potenciaranse as propostas cidadás, onde se inclúe o deseño de procesos de participación, xeración e implantación de 'software' de xestión de propostas, 'software' de votación, sistema de xestión de votacións, difusión e capacitación e avaliación de proceso. O último bloque oriéntase á transparencia, para o que se crearán portais de transparencia enlazados con datos abertos, procesos participativos para a definición de indicadores, portal de transparencia baseado en datos abertos e cadros de mando.

Cara á eficiencia na xestión
Dentro do proxecto Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable levarán a cabo os servizos que favorezan a participación da cidadanía na toma de decisións de cada concello, a través dunha Plataforma de Goberno Aberto que poida ser desenvolvida de forma conxunta.

Os obxectivos que se marcan son os de producir aforros e melloras de eficiencia na xestión e prestación dos servizos públicos; impulsar proxectos de carácter innovador para as cidades; fomentar a interoperabilidade con distintas administracións e axentes, promover o acceso transparente e universal dos datos públicos dos servizos (tanto para a súa consulta como para a súa reutilización) por parte de cidadáns, visitantes, profesionais e empresas, propiciando con estas actuacións o crecemento da industria e o emprendemento; presentar un potencial de reutilización ou replicación noutras entidades, para o que deberán apoiarse en estándares ou contribuír ao desenvolvemento e maduración de estándares; impulsar métricas para a medición da satisfacción cidadá e a dos seus visitantes, nos aforros de tempos, a redución de custos e a diminución de cargas administrativas; creación de espazos tecnolóxicos con contornas TIC interoperables, que permitan o desenvolvemento de proxectos cooperativos e innovadores que faciliten a experimentación, o desenvolvemento de aplicacións, o intercambio de boas prácticas e o uso compartido de ferramentas tecnolóxicas e implantar os procesos de participación cidadá, mediante a aplicación das novas tecnoloxías.

Software libre
O proxecto parte dunha base de reutilización, xa que dende o inicio se compartirán e replicarán todos os recursos xa dispoñibles nunhas e outras cidades. Está desenvolvido con software libre, e toda a documentación está subida a GitHub. O mesmo sucede con todo o avance que ten Zaragoza no relativo a estándares de datos abertos.

A idea é que a iniciativa permitirá avanzar ás cidades participantes, pero tamén abre un camiño para que outras administracións se unan ou repliquen a iniciativa no futuro. Por iso, o proxecto baséase en software libre, repositorios públicos de software, ofrecendo axuda para implantar a solución en cidades non participantes na proposta.

Todo o software que se desenvolva no contexto do proxecto será software libre, con licenzas AGPLv3 ou Apache v2, segundo as expectativas de uso que se estimen en cada caso e as dependencias coas librarías que se utilicen.

O convenio nútrese da aposta decidida dos catro concellos participantes para crear unha rede de colaboración que permita a conceptualización, co-creación, co-deseño de servizos, procesos, etc; co-deseño de indicadores como a avaliación continua da Plataforma de Goberno Aberto e de novas demandas e novos requirimentos; xestión de fatos, transparencia e participación por defecto; uso de estándares, normalización de vocabularios e estruturas da información; aproveitamento de todo o traballo realizado en canto á metodoloxía e a tecnoloxía desenvolvida e implementada; comunicación e formación sobre os novos desenvolvementos, servizos e procesos; intercambio de boas prácticas e avaliación continua.

Cidades intelixentes
O desenvolvemento deste proxecto enmárcase dentro da transformación das cidades cara ao ideal de cidade intelixente. Para iso, a proposta conxunta está fundamentada en: datos abertos, transparencia e participación cidadá, así como nun alicerce transversal a toda a iniciativa, que é o que atende aos obxectivos de colaboración, reutilización e interoperabilidade.

A finalidade é desenvolver políticas de Goberno Aberto nas cidades participantes, mediante un impulso decidido, e soportado por avances tecnolóxicos, dos datos abertos, a participación cidadá e a transparencia.

O proceso terá unha duración de tres anos, nos que as cidades colaborarán no desenvolvemento das actividades descritas, permitindo que as experiencias que cada un dos participantes xa puxo en marcha, poidan servir como punto de partida para o resto de cidades.

Compartir: