PATRIMONIO

Presentada a nova web coa guía arqueolóxica das cidades Patrimonio

16/12/2016 Este venres presentouse en Córdoba, no marco da Bienal de Patrimonio, a web Guía Arqueolóxica das Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Este proxecto permite, por primeira vez, reunir nun só soporte dixital todo o patrimonio arqueolóxico das 15 cidades da rede: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

As 15 cidades Patrimonio da Humanidade de España contan cun patrimonio cultural de valor extraordinario do que o patrimonio arqueolóxico é parte implícita e tamén explícita do valor universal excepcional de parte das cidades declaradas Patrimonio da Humanidade de España. Noutros casos, aínda que non está incluído nas súas declaracións, é parte inherente das mesmas, xa que é unha mostra destacada do seu legado histórico. Por todo iso, o Grupo de Cidades Patrimonio, dentro dos labores vinculados á xestión e difusión do patrimonio, elaborou a Guía Arqueolóxica da Cidades Patrimonio en formato web (www.guiaarqueologicaciudadespatrimonio.org), co obxectivo de identificar e definir o patrimonio arqueolóxico de cada unha das 15 cidades.

O acceso directo á nova web estará dispoñible dende o luns 19 tanto na páxina web do Grupo, www.ciudadespatrimonio.org, como nos portais de Turismo das 15 cidades que forman a rede.

O proxecto
Cada cidade abordou a elaboración dos seus contidos de forma diferente a como o puido facer outra, aínda que se buscou sempre seguir cun guión común baseado nas seguintes premisas: son cidades vivas, froito do seu desenvolvemento e dialéctica histórica, que ao longo dos séculos foron tecendo a súa paisaxe histórica urbana, e polo tanto o patrimonio arqueolóxico forma parte da súa realidade actual. Para iso contouse coa participación dun nutrido grupo de profesionais de primeira orde, 23 en total, expertos en cada unha das cidades, que coñecen cada caso en profundidade e de primeira man.

O formato elixido para dar a coñecer os contidos a través desta web permite contar coa información de forma áxil e rápida en calquera dispositivo. Deste xeito convértese nunha ferramenta fundamental á hora de planificar a visita a cada unha das cidades. Na web recolléronse os contidos particulares de cada unha das 15 cidades, mostrando o contexto xeográfico, os aspectos históricos, o seu patrimonio arqueolóxico e, por último, os itinerarios propostos para a súa visita. Estes percorridos trasladáronse a Google Maps para facilitar a súa visita dende calquera dispositivo móbil. A información vai sempre acompañada de recursos gráficos que axudan á comprensión dos contidos.

Ademais, dentro da páxina web hai outros contidos que axudan completar a información mostrada de cada cidade: un eixo cronolóxico (1.382 acontecementos), que permite facer unha comparativa entre cidades, os recursos necesarios para obter datos complementarios para a visita de cada cidade, un glosario con máis de 370 termos e, por último, un repertorio bibliográfico de cada municipio (599 referencias).

A aplicación web, aloxada baixo o dominio www.guiaarqueologicaciudadespatrimonio.org, está desenvolvida cunha arquitectura modular escalable a través do xestor de contido Drupal 7, co seu núcleo e todos os módulos actualizados ás súas últimas versións. Fai uso de estándares tecnolóxicos que permiten separar os contidos do aspecto co que se mostran. Por todo iso, a aplicación web conta cunha xestión fácil e intuitiva dos contidos e servizos albergados para os administradores e ofrece unha grande usabilidade para os usuarios.

Conta cun deseño responsive ou adaptativo, para que a páxina web poida visualizarse correctamente dende calquera dispositivo, incluíndo tablets e teléfonos móbiles. Cumpre coas pautas de accesibilidade ao contido na Web 2.0, establecidas polo W3C (Consorcio da World Wide Web) para o nivel de adecuación Dobre A (AA), co que se facilita o acceso á información da páxina web ás persoas que teñan algún tipo de discapacidade. Grazas a todas estas características, favorécese a integración dos contidos nos buscadores máis usados na internet, mellorando así o posicionamento nos resultados de procura dos mesmos.

Compartir: