DEPORTES

Santiago acolle o II Congreso Ibérico de Xestores do Deporte

16/11/2006 Afondar no futuro da xestión deportiva dende a base é o obxectivo do encontro que reúne en Compostelán a xestores deportivos de toda España do 16 ao 18 de novembro. O Palacio de Congresos e Exposicións é o escenario deste II Congreso Ibérico de Xestores do Deporte, que foi inaugurado polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Neste congreso proponse abordar a necesidade de garantir o crecemento do deporte dende varios eixes: traballo dende a base, profesionalización do sector deportivo e garantía da formación e participación axeitada de toda a sociedade. Trátase, en definitiva, de asegurar un crecemento sostible do deporte na súa máis ampla expresión.

O evento, organizado pola Dirección Xeral para o Deporte e o Concello de Santiago, entre outros, está estruturado en torno a tres eixes de traballo: a ordenación da regulación do exercicio profesional no deporte, a homologación e acreditación dos espazos deportivos e a consolidación do deporte coma un elemento educativo fundamental.

Este congreso esta dirixido a todas aquelas persoas ou entidades vinculadas ao ámbito da xestión do deporte e, especificamente, a responsables políticos vinculados co sector deportivo, a xestores deportivos e a técnicos. Tamén está aberto á participación de institucións, entidades deportivas e, de forma xeneral, a todos os representantes das empresas e industrias do sector e a outros colectivos implicados no sistema deportivo. Os directivos dos clubs de Santiago puideron acceder a bolsas para asistir a ese congreso, promovidas pola Fundación Compostela Deporte.

No marco do evento, esta entidade organiza un foro sobre o tema do deporte na idade escolar. Entre outros, participarán a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; e o concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Manuel Portas.

Compartir: